O evento contará con obradoiros infantís, concertos cada noite, sesións beer-mú e food-trucks. ‘Sin Reserva’, ‘Demencia Sonora’, ‘Gold&Colt’, ‘The Liar Papers’, ‘Silverback’, ‘El pelotón de los torpes’ e ‘Castro y los escoltas’ tocarán nesta oitava edición
As principais marcas de cervexa artesana de toda España volven a protagonizar desde hoxe e ata o domingo 18 de agosto na Alameda de A Ramallosa (Nigrán) o ‘Val Miñor Fest’, o primeiro festival deste tipo de toda a comarca e que reunirá 80 tipos de bebidas de 9 de marcas de toda España e con especial atención ás galegas. Como xa é habitual, haberá concertos cada noite, obradoiros infantís, sesións beer-mú e 7 food-trucks. O evento, organizado por ‘La ruta del lúpulo’ coa colaboración do Concello de Nigrán e a cervexeira local Banda, arranca hoxe mesmo ás 19:00 horas.
“Este festival encaixou especialmente ben en Nigrán porque, aínda sendo de cervexa artesana, está pensado para que o poida gozar un público moi familiar, e ademais o municipio é xa un referente neste eido grazas a Banda-Triskale, que fabrican a cervexa ‘Nigran, Equilibrio Natural’ e patrocinan moitos dos nosos eventos de verán”, destaca o alcalde, Juan González. Así, todalas noitiñas haberá concertos de grupos de música comezando hoxe con ‘Sin Reserva’, mañá con ‘Demencia Sonora’, venres con ‘Gold&Colt’ e ‘The Liar Papers’; sábado ‘Silverback’ e ‘El pelotón de los torpes’ e domingo ‘Castro y los escoltas’. Ademais, para maridar coa cervexa estarán presentes 6 foodtrucks con diferentes propostas culinarias..
As firmas de cervexa artesana que estarán presentes son Banda (Nigrán), Chula, Bacterio, Go, The One, La Sagra, 1906 de Bodega, El jardín de la cerveza e Madroa.“Tódalas marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para tódolos gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explican. Como é habitual, degustaranse nun vaso de vidro especial conmemorativo desta oitava edición.

