O alcalde de Nigrán recibíu onte ao seu homólogo de Nhamayábue e comprometeu a achega 11.000 € para permitir o bombeo da auga desde o Zambeze a este municipio africano e crear un empalizado que afaste os crocodilos, xa que 22 persoas morreron durante o último ano
Os investimentos directos do Concello en cooperación internacional o sitúan moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a este fin
“No 2025 consignamos 30.000 € a proxectos de cooperación internacional, estes cartos son unha cantidade moi pequena para o Concello de Nigrán e os beneficios para a poboación afectada son incalculables”, valora Juan González
O Concello de Nigrán volve a apostar pola cooperación internacional para mellorar á vida dun municipio de Mozambique condicionado polo gran perigo que supón o acceso á auga. Con este obxectivo, o alcalde de Nigrán e presidente a súa vez do Fondo Galego de Cooperación, Juan González, comprometeu onte ao seu homólogo de Nhamayábue, Mamani Vale (de visita institucional a Galicia convidado polo Fondo) a achega de 6.000 € para un proxecto que garantirá o subministro de auga sen perigo a ataques de crocodilo e outros 4.000 € para construír un empalizado na zona de baño e lavado de roupa e así impedir o acceso destes animais. No primeiro caso, trátase de bombear auga desde o río Zambeze cara tres tanques que permitirán a instalación de 4 villas comunitarias nun barrio periférico de Nhamayábue onde non chega a auga potable e, polo tanto, a poboación debe adentrarse no río, a uns 3 kilómetros, cos conseguintes perigos que conleva. A outra partida orzamentaria (5.000 €) será para construír unha auténtica barreira protectora anti-crocodrilos nun pequeño tramo do río no centro do municipio, onde cada día se asea a poboación.
“Ata agora, neste barrio máis afastado a xente debe resprazarse a pé ata o río preto de 4 km para subministrarse de auga, lavar, etc, e o gran problema engadido é que hai crocodilos que só no derradeiro ano mataron a 22 persoas”, explica o alcalde, Juan González, quen coñeceu de primeira man a situación nunha viaxe co Fondo Galego no 2024, xa que nesta poboación a entidade supramunicipal mantén diferentes proxectos, entre eles o de ‘Deporte e empoderamento en Nhamayábue’ a cargo do técnico municipal de Lousame, Néstor Romero, quen leva participando dous anos no programa ‘Especialistas en Cooperar’ e que tamén acudíu onte a Nigrán para asistir ao encontro entre os dous homólogos en vista de que regresará en outubro (tras as súas estadías, acadáronse logros como a creación dun club de atletismo e do equipo feminino de fútbol, formación a árbitros e profesorado, dotación de materiais ou organización de campionatos…).
A colaboración entre o Fondo e este remoto municipio africano data xa do ano 2017 coa construción de catro pozos para garantir un acceso seguro á auga potable, sen embargo, a auga obtida resultou moi salgada e algunhas das infraestruturas foron arrasadas polos ciclóns, tal e como puideron comprobar na visita de 2024, por iso este novo proxecto que asumirá directamente Nigrán (canalizando os cartos a través do Fondo) foi o sinalado onte como prioritario polo alcade de Nhamayábue.
“No orzamento de 2025 consignamos 30.000 € para proxectos de cooperación internacional, estes cartos son unha cantidade moi pequena para o Concello de Nigrán e os beneficios para a poboación afectada son incalculables”, explica Juan González en referencia a este novo investimento en Mozambique. A maiores, o ano pasado o Concello financiou con 20.000 € un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique; adquiríu por 10.000 € un motor de bombeo e placas solares para posibilitar que 24 familias de Tarrafal (Cabo Verde) cultiven alimentos nunha das zonas máis remotas da illa; e con 30.000 € do remanente de Tesourería construíu unha escola nunha aldea de Guinea-Bissau. Con todas estas achegas directas (todas canalizadas a través do Fondo Galego) o Concello de Nigrán está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións públicas adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a cooperación internacional. “Estamos moi orgullosos de ser un municipio solidario e de liderar en Galicia esta aposta, ogallá máis municipios se vaian sumando”, desexa o rexedor nigranés, ao que o seu homólogo de Mozambique trasladou o seu gran agradecemento polo novo investimento.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 117 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.