O concello de Nigrán e a ONG “Manos para el mundo” piden á cidadanía que en apoio a Palestina fagan voar este domingo os seus papaventos en praia América

Redacción

Israel ten prohibido que as crianzas de Gaza xoguen con elas baixo o pretexto de ser un perigo para a súa seguridade

Nigrán, 25.09.26.- O Concello de Nigrán, xunto á ONG ‘Manos para el mundo’, volverá a amosar o seu apoio a Palestina este domingo 27 de setembro cun acto simbólico con papaventos. Para elo, anima á cidadanía a que acuda ás 11:00 horas a Praia América (aparcadoiro da antiga escola de vela e do chiringuito) para encher o ceo de papaventos, un xoguete que desde o pasado mes de agosto está prohibido na Franxa de Gaza baixo o pretexto de ser un perigo para a seguridade de Israel. Por iso, desde o Concello e esta ONG afincada en Nigrán quérese volver a denunciar o xenocidio que se está a perpetrar en Gaza, onde os dereitos da infancia son ninguneados ata na súa liberdade de xogo.

A cita consiste na lectura dun manifesto ás 11:00 horas no punto de encontro para, ás 11:30 horas, emprender a marcha cos papaventos pola praia e ata o campo de futbol de Lourido. Ao remate, neste punto final da marcha, haberá actividades para as crianzas como pintacaras, xogos populares, manualidades ou un contacontos a cargo de Soledad García.

“Os papaventos en Palestina son xa un símbolo de resistencia que queremos compartir en Nigrán para amosar o noso compromiso cos dereitos humanos e, polo tanto, denunciar o xenocidio”, resume o alcalde, Juan González, quen en maio de 2024 levou a pleno unha moción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (entidade que preside) aprobada coa abstención do PP e na que se esixía o fin do ataque a Gaza e a retirada das tropas israelíes, ademais de visibilizar esa postura cunha gran pancarta na fachada do Consistorio e repartindo vinilos entre a veciñanza.

Comparte este artigo