O concello de Nigrán emprende unha campaña de control de verquidos incontrolados

Redacción

Axentes de paisano vixiarán os puntos ‘quentes’ para detectar in-fraganti aos responsables

A multa á que se expón a persoa que verte escombro ou lixo en zonas non autorizadas é de entre 600 € e 45.000 €

O Concello de Nigrán emprenderá a partir desta semana unha campaña especial para acabar cos verquidos incontrolados no municipio. Deste xeito, axentes de paisano da Policía Local vixiarán os habituais puntos quentes para detectar in-fraganti aos infractores e poder proceder á imposición de sancións económicas que oscilan entre os 600 € e 45.000 € segundo a gravidade e se se aplica só a ordenanza municipal de ornato público e convivencia cidadá ou a lei autonómica. O Concello de Nigrán ten detectados máis dunha decena de localizacións non autorizadas repartidas entre as 7 parroquias e onde habitualmente aparecen escombros ou lixo pese a haber sinais de advertencia e de retiralos asiduamente.

“É unha actitude incívica que non ten o máis mínimo sentido porque no Concello de Nigrán temos un Punto Limpo que incluso recolle restos de xardinería, e un servizo de recollida de enseres voluminosos previa cita, todo gratuitamente”, explica o alcalde, Juan González. Así, o Punto Limpo ubicado na rúa Camesella abre de luns a sábados de 9:00 a 14:00 e os mércores tamén de 16:00 a 19:00 horas, sendo o lugar autorizado para deixar refugallo voluminoso ou moi contaminante (como poderían ser aceites, disolventes, pinturas ou radiografías) e, pola súa banda, a empresa concesionaria Prezero ten un servizo de recollida de enseres que non poden ir ao contenedor habitual e que funciona cada 15 días e que se pode solitar no 90070011 ou por whatsapp no 680870527.

Comparte este artigo