O concello de Nigrán humanizará a rúa Rubido da Ramallosa e renovará ás redes de pluviais e saneamento da contorna

Redacción

É unha obra moi demandada pola veciñanza da zona. Gañarán en seguridade vial e en prazas de aparcamento, ademáis de gañar medioambientalmente·, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán investirá 228.858 € con cargo ao Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra 2026 na humanización da Rúa Rubido da Ramallosa e na mellora das redes de pluviais e fecais da contorna (zona da Romana). O obxectivo é renovar un vial que se atopa en moi mal estado de conservación e carece de beirarrúas, polo que se adoptarán diferentes solucións para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos seus residentes. Consecuentemente, renovarase o pavimento e reordenarase o tráfico co obxectivo de poder dotala de beirarrúas e mesmo de prazas de aparcamento na zona de máis ancho de vía. Adicionalmente, aproveitarase para solucionar os problemas de drenaxe na contorna da rúa Rubido (especialmente Romana Alta e Damas Apostólicas) e así instalar unha rede separativa de pluviais e de fecais que acabará cos actuais problemas de verquidos.

“É unha obra moi demandada pola veciñanza da zona. Gañarán en seguridade vial e en prazas de aparcamento, ademáis de gañar medioambientalmente grazas á substitución dos colectores deficientes”, explica o alcalde, Juan González, quen hoxe acudíu á zona xunto a Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, en calidade de deputado provincial. 

Comparte este artigo