O concello de Nigrán investirá un millón de euros na renovación do espazo deportivo de “Dunas de Gaifar”

Redacción

A Deputación de Pontevedra subvencionará o 75% da obra concargo ao Plan Provincia Extraordinaria

Inclúe habilitar dúas pistas de pádel, renovar todos os pavimentos e cubrir tanto unha pista de tenis como unha nova de pádel, mantendo tamén a de minibasket

“O obxectivo é maximizar o seu uso grazas á cuberta e integrar novas disciplinas moi demandadas tamén”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán investirá un millón de euros para a renovación do complexo deportivo ‘Dunas de Gaifar’ ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria de Deputación de Pontevedra, mediante o cal este organismo provincial financiará o 75% da obra. Así asinaron este convenio de colaboración o alcalde, Juan González, e o presidente da Deputación, Luis López. As obras están pendentes de licitar á espera dunha autorización de Costas de Galicia.

A área destinada á intervención conta cunha superficie de máis de 3.000 m2, situándose ao sur un espazo deportivo consistente na actualidade en tres pistas de tenis co seu valado individual e unha pista multideporte na que se dispuxeron outras dúas pistas de tenis e unha de minibasket, esta última pista tamén ten o seu propio valado e ningún espazo está cuberto. Todo o conxunto dispón de iluminación artificial. O proxecto contempla precisamente a cubrición dunha pista de tenis e a creación de dúas de pádel tamén cubertas mediante estruturas lixeiras e funcionais deseñadas para garantir protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e mellorar a experiencia dos deportistas (a pista de minibasket tamén se mantén). As cubertas construiranse con materiais de alta resistencia e deseño estético que se integran harmonicamente na contorna. A actuación contempla tamén a renovación dos valados perimetrais, a reparación das pistas existentes cun novo pavimento de alta calidade e nova marcaxe dos campos de xogo existentes. Complétase a intervención coa remodelación da instalación de iluminación substituíndose por LED e a execución dunha rede de saneamento para evacuar as augas recollidas polas novas cubertas.

“Trátase dun espazo moi utilizado pero xa deteriorado, con afección importante nos pavimentos, o que fai necesaria unha intervención de mellora e actualización. O obxectivo é maximizar o seu uso grazas á cuberta e integrar novas disciplinas moi demandadas tamén, como é o pádel”, explica o alcalde, Juan González. “En definitiva, trátase de que sexa un lugar de encontro, actividade saudable e convivencia”, sinala o rexedor referindo que o antigo centro de saúde de Panxón será, precisamente, reconvertido nun espazo interxeneracional. Este enfoque encaixa cunha política municipal de coidado do espazo público e promoción do deporte de base

Comparte este artigo