Consta de dúas quendas, do 14 ao 18 de xullo e do 21 ao 24 xullo, e mestúranse o 50% das prazas entre nenos con e sen discapacidade. O prazo de inscrición xa está aberto
“Cremos de verdade que este tipo de campamentos ofrecen multitude de beneficios a toda a rapazada, con e sen discapacidade, asi que agardamos que teñan unha gran acollida porque é unha oportunidade marabillosa para a educación de todas as familias”, considera o alcalde, Juan González
A Fundación García Chillón Orlando e a Fundación Denis Suárez suman forzas co Concello de Nigrán e o Centro Juan María para ofrecer este verán un campamento inclusivo e gratuíto co Pavillón Municipal de Panxón como sede. Este está dirixido a crianzas de 6 a 13 anos e dispón de dúas quendas, do 14 ao 18 de xullo e do 21 ao 24 de xullo, sempre de 9:30 a 13:45 horas. O prazo de inscrición está aberto ata o día 15 de xuño ou ata esgotarse as prazas e pode ser a través do teléfono 625933545 ou dun formulario pendurado na web www.nigran.org. Ambas quendas constan de 20 prazas, destinándose a metade delas a nenos e nenas con discapacidade. O obxectivo é fomentar a convivencia nunha contorna educativa que garanta a inclusión plena e equitativa de todos os participantes independentemente da súa condición persoal.
“Cremos de verdade que este tipo de campamentos ofrecen multitude de beneficios a toda a rapazada, con e sen discapacidade, asi que agardamos que teñan unha gran acollida porque é unha oportunidade marabillosa para a educación de todas as familias. En todos os casos, axuda a desenvolver habilidades sociais, empatía e comprensión, promovendo a maiores unha maior inclusión e sensibilización sobre a discapacidade, así que non podemos estar máis orgullosos de ser a sede deste primeiro campamento que representa ao ‘Nigrán para todos’ que sempre defendemos”, recoñeceu o alcalde, Juan González, durante a presentación de hoxe no propio Pavillón.
Fundación García Chillón Orlando
Creada por Enrique García Chillón e a súa familia en 2021, esta Fundación ten como obxectivo mellorar a vida das persoas e impulsar unha sociedade máis xusta e con igualdade de oportunidades a través de accións centradas no apoio aos colectivos máis vulnerables.
Desde os seus inicios, a Fundación GCO realizou diferentes accións sociais propias e colaboracións con institucións públicas e organizacións sen ánimo de lucro centradas no deporte, a infancia e a inclusión.
Fundación Denis Suárez
Fundada en xaneiro de 2023, polo futbolista Denis Suárez, como unha organización posta ao servizo da sociedade galega centrando a súa actividade na práctica do deporte e todos os seus ámbitos de actuación.
Atendendo aos seus fins fundacionais, promoción da actividade deportiva, promoción, coordinación e xestión do desenvolvemento de actividades formativas e promoción e desenvolvemento de iniciativas que melloren a actuación individual e colectiva, a Fundación Denis Suárez na súa curta traxectoria conta xa con diferentes campus deportivos orientados á práctica do deporte, inclusión social e promoción de hábitos saudables.