O concello de Nigrán ofrece este sábado a comedia de porta aberta “Que farían sen min?”

Redacción

O Concello de Nigrán continúa este sábado 31 de outubro coa programación de Fegateatro coa comedia ‘Que farían sen min?’, do grupo vigués Porta Aberta Teatro, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar aforo. Todo pasa por ela, pasan os anos e nada cambia ata que un día aparece o amor da xuventude e os soños retoman a ilusión perdida. Seguirá todo igual na casa de Ana? Nesta obra a compañía quere por en valor a necesidade de soñar, de vivir e de amar nunha atmosfera aparentemente tradicional na que todo o mundo necesita de Ana.

Pola súa banda, o sábado 7 de novembro ás 20:00 horas o grupo de O Porriño Atrezo ofrece a comedia ‘A leira’. Rogelio garda un segredo. Canto pode cambiar unha familia se de súpeto aparece un tesouro nas súas vidas?

O sábado 14 de novembro ás 20:00 horas representarase a comedia ‘O Randiña vai ao médico’ do grupo de Foz (Lugo) ‘Pico do Castro’. Randiña acode á consulta despois de levar unha chea de tempo agardando pola cita. Xa na sala, mentres espera a que o chamen, comeza a contar as súas peripecias e mais as dos veciños que tiveron que ir ao hospital, cada cal máis pintoresca ca anterior. Entre historia e historia, pasa o tempo… e ao final marcha sen chegar a ser atendido. Uns días despois volve, decidido a non quedar outra vez sen consulta. Desta volta é atendido polo doutor Anastasio, que lle explica os resultados das análises e lle indica as medidas que terá que tomar para poder seguir cunha vida máis saudable e mellor levada.

O Fegateatro finaliza o domingo 22 de novembro ás 19:00 horas coa comedia ‘Vermello’ do grupo de Sarria (Lugo) ‘Rebuldeira’. A cantidade de cor vermella que podemos ver nunha guerra marca o futuro das seguintes xeracións. O tempo, ás veces, é cíclico e todo o malo pode voltar. Temos medo. As vidas de Manuel Díaz, o médico dos pobres, Rafael de Vega, Franco, e xente coma nós, mestúranse coa historia ficcional de Rebuldeira Teatro na Guerra Civil. Somos actrices que representamos unha guerra vermella e queremos berrar a todo o mundo a nosa historia. Unha peza que abrangue a risa e a morte, o lamento e a ledicia, na que a nosa directora dirixirá o espectáculo dende as táboas. Que comece a función.

Comparte este artigo