Unha trintena de veciños e veciñas poran á venda durante toda a mañá ‘xoias’ que xa non empregan, como poden ser libros, menaxe, roupa, aparellos… No mesmo lugar, a partir das 19:30 horas, terá lugar o concerto de Dorrey Lyles& Marcos Coll Band
O Concello de Nigrán ofrece este domingo na zona do escenario ao aire libre da Foz una dobre cita: por unha banda o primeiro mercado de maleteiro da comarca de 10:30 a 15:00 horas e, por outro, a partir das 19:30 e dentro do ciclo ‘Tardes na Solaina’, o concerto de Dorrey Lyles& Marcos Coll Band.
Así, como proba piloto e nesta ocasión sen empregar o maleteiro do coche pola contorna no que se celebrará, unha trintena de veciños e veciñas poran á venda durante toda a mañá ‘xoias’ que xa non empregan, como poden ser libros, menaxe, roupa, aparellos, xoguetes, discos, obxectos de colección… O coñecido como ‘car boot sale’ é unha feira informal, moi popular en Reino Unido, onde os particulares venden artigos de segunda man directamente desde o maleteiro dos seus vehículos. O obxectivo é darlle unha segunda vida ao material en desuso que ‘habita’ en cada casa e que pode resultar útil para outra persoa que, a súa vez, o obtén a un prezo económico. O obxectivo do Concello é celebralo en sucesivas ocasións nun espazo que resulte fácilmente accesible a turismos e atractivo para a veciñanza interesada. Durante a xornada, que se desenvolverá de 10:30 a 15:00 horas, celebraranse diferentes obradoiros para rapazada e haberá food-trucks e música.
Esta iniciativa parte de Arantxa García, veciña de Nigrán que vivíu desde moza os ‘car boots sale’ de Inglaterra e que sempre soñou con trasladalos a súa terra. “Cando nos propuxo esta iniciativa non dubidamos en apoiala porque está totalmente en sintonía cos valores que queremos transmitir desde o municipio”, sinala o alcalde, Juan González, quen resume o evento no refrán popular “o lixo duns é o tesouro de outros”.
Xa polo tarde será no mesmo lugar o concerto de Dorrey Lyles& Marcos Coll Band. Xuntos ofrecen unha explosiva mezcla de jazz, góspel, blues e soul. As actuacións deste ciclo ‘Tardes na Solaina’ continúan o domingo 16 en Patos con Arizona Baby; Dakidarría o xoves 20 en Patos; Tangomango o domingo 23 no esteiro de A Foz; e Losdeltonos e Cow Caos o venres 28 de agosto en Patos. Todos os concertos son de balde excepto Arizona Baby e Dakidarría (ambos con entradas á venda en Malabar-Pénjamo) . Como é habitual no Concello, o novo evento volve a unir cultura e paisaxe para que a experiencia resulte inesquecible.

