O concello de Nigrán prepara unha ampla programación para conmemorar ata fins de ano o Centenario do Tranvía Vigo-A Ramallosa

Redacción

Xunto as asociacións ‘Enganchados do pescante. Memoria dos tranvías de Vigo’, Resiliencia e o experto Ismael Pérez-Izaguirre, o Concello ofrecerá unha gran exposición no centro da terceira idade (antiga estación)

A maiores, haberá xornadas proxeccións de todo tipo nos cines municipais e mesas redondas e conferencias

A liña que conectou a urbe olívica co Val Miñor a través da Ramallosa inaugurouse en setembro de 1926 transformando por completo a comarca

O Concello de Nigrán ultima unha ampla programación para conmemorar ata finais de ano o centenario da liña do tranvía que uníu Vigo e a comarca a través da Ramallosa desde setembro de 1926 a finais de 1968. Como punto de partida, este sábado realizarase un roteiro conmemorativo en bicicleta desde a casa do tranviario de Gondomar chamado Marcelino ata a antiga estación da Ramallosa (actual Centro de Terceira Idade). A partir de aí, a finais de outubro estrearase neste mesmo edificio e grazas as asociacións ‘Enganchados do pescante. Memoria dos tranvías de Vigo’, Resiliencia e o experto nigranés Ismael Pérez-Izaguirre, unha gran exposición que se localizará entre os andares superiores da propia estación e os cines municipais, onde tamén se ofrecerán proxeccións de todo tipo (reportaxes do NODO, recreacións dixitais, gravacións particulares…).

“Máis alá da súa función como medio de transporte, o tranvía forma parte da memoria colectiva do Val Miñor e constitúe un elemento de elevado valor patrimonial e identitario para Nigrán. A Ramallosa era o núcleo neurálxico desta liña e onde se ubicaban as cocheiras, e podemos dicir con orgullo que somos o único municipio que mantén viva a antiga estación a través de diferentes usos”, considera o alcalde, Juan González, quen incide na aposta persoal como historiador de preservar a memoria da localidade, aspecto ao que se vincula esta iniciativa ou o Arquivo Histórico Audiovisual online, as xornadas de recuperación da memoria histórica ou conmeracións de todo tipo como a revolucións dos caraveis…

O elemento central da programación será unha gran exposición prevista para inaugurarse en outubro e que se extenderá ata finais de ano, esta incluirá fotografías, relatos, maquetas de tranvías, elementos patrimoniais, documentación histórica (como planos, billetes, folletos orixinais, libros…)… Entre os contidos que figurarán nos paneis contémplase o trazado desta liña de 20 km, o tremendo impacto económico e social que supuxo e os principios de mobilidade sostible promovidos actualmente desde a UE. Ademais, nos cines municipais ofreceranse todo tipo de proxeccións audiosuais vinculadas directamente a esta liña Vigo-Nigrán ou dos propio medio de transporte en si. A maiores, ofreceranse conferencias e mesas redondas a cargo de expertos.

Desde o Concello e as asociacións vinculadas inciden en que esta exposición ademais é unha oportunidade para reflexionar colectivamente sobre como evolucionou o transporte na comarca, cales son os seus desafíos actuais e que alternativas poden contribuír a construír un modelo máis equilibrado e sostible.

Comparte este artigo