O PP de Pontevedra propón a creación dunha unidade especializada no corpo da Policía Local

Redacción
  • O grupo municipal vén de presentar unha moción para mellora na prevención e contención en materia de seguridade cidadá, dar apoio ao resto de unidades e garantir a presenza de patrullas a pé de rúa
  • O obxectivo esencial é dar unha resposta rápida e eficaz ante os novos problemas de convivencia e seguridade cidadá, garantindo unha policía de proximidade en Pontevedra

O Partido Popular de Pontevedra vén de presentar unha moción para a creación dunha unidade especializada no corpo da Policía Local de Pontevedra. A concelleira Pepa Pardo explica que é evidente a falta de recursos humanos e materiais da Policía Local de Pontevedra, “un corpo ao que Concello sumiu no máis profundo esquecemento e que dende o Partido Popular queremos dignificar, polo que consideramos necesario a creación dunha unidade especializada” dentro da Policía Local.

Pardo explica que esta unidade contaría cunha formación, uniformidade, dotación e denominación específica, o que suporía “non só unha mellora na prevención e contención en materia de seguridade cidadá, senón tamén un apoio inestimable ao resto de unidades e a garantía de presenza continuada das patrullas a pé na rúa, garantindo así unha policía de proximidade”.

A concelleira do PP de Pontevedra indica que xa son moitas as cidades españolas que procederon á creación destas unidades dentro do corpo da Policía Municipal. A máis recente é Sevilla que, que instaurou esta figura en marzo de 2026 creando o Grupo de Apoio e Reacción da Policía Local, pero tamén están cidades como Valencia, Madrid e, máis preto de nós, Vigo, que conta dende fai máis dunha década co Grupo Operativo de Apoio (GOA). Por iso Pontevedra non debería quedar atrás nunha cuestión tan importante para a seguridade da veciñanza da nosa cidade.

“A creación deste Grupo especializado elirequirirá un evidente aumento no persoal da Policía Local, coa correspondente modificación da RPT e dotación orzamentaria”, explican dende o grupo municipal do Partido Popular, que consideran esencial o obxectivo des unidade: dar unha resposta rápida e eficaz ante os novos problemas de convivencia e seguridade cidadá que se están a desenvolver en Pontevedra, como liortas, bandas xuvenís,…

“A ninguén se lle escapa que en Pontevedra a sensación de inseguridade cidadá vén incrementándose á vez que tamén aumentan os datos de criminalidade. En concreto, no primeiro semestre do ano a criminalidade subiu na cidade de Pontevedra un 4,6% segundo os datos publicados polos do Ministerio de Interior”, indica Pardo.

É por iso que os  populares consideran básico a creación desta unidade especializada que se focalizará na seguridade cidadá e que á súa vez se coordinará co resto de unidades da Policía Local e Policía Nacional. “Queremos unha Unidade especializada para que a Policía Local de Pontevedra sexa referente, non só cun maior número de efectivos senón tamén cunha maior cualificación e especialización para dar resposta específica, rápida e eficaz a problemas concretos”, remata Pardo.

Comparte este artigo