O Concello de Oia convoca as axudas á natalidade para os nenos e nenas nacidos en 2025

Redacción

O Concello de Oia lanza unha convocatoria de axudas de apoio á natalidade, das que se poderán beneficiar as familias nas que houbese algún nacemento ou adopción durante o pasado ano. As axudas serán de 200 euros por menor nacido entre o 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2025 e deberán destinarse a gastos relacionados co nacemento ou adopción do menor e realizados en establecementos do comercio local.

Esta iniciativa, que o Concello pon en marcha por segundo ano consecutivo tras a excelente acollida da convocatoria do ano pasado, ten por obxectivo loitar contra o descenso da natalidade e o despoboamento, ao mesmo tempo que se estimula o comercio local. En total, neste 2026 a Administración local destinará 1.800 euros a estes cheques-bebé, que terán un importe individual de 200 euros.

Os requisitos para poder optar á axuda son que o pai/nai/titor/titora solicitante teña a custodia do menor nado e que toda a unidade familiar (incluído o neno/a nado en 2025) estea empadroada no concello de Oia e no mesmo domicilio familiar. Solo se concederá unha axuda por menor.

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude e documentación no rexistro do Concello de Oia, por medios telemáticos ou de forma presencial.  O prazo de presentación rematará o 30 de outubro.

Toda a información sobre estas axudas está tamén dispoñible na sede electrónica do Concello de Oia na seguinte ligazón: https://oia.sedelectronica.es/preview-document/dab23a53-0705-4d35-a32b-9b7d853613fd/

Comparte este artigo