Aos vehículos aéreos do ano pasado sumarase un máis capaz de detectar, identificar e localizar aos posibles infractores en tempo real
Cavar buratos no areal e acceder con pas ou leña volverá a estar sancionado con multas que oscilan desde 100 € a 3.000 € en caso de ser leves e ata 200.000 € se son graves
Manterase a presencia policial con preto de 200 efectivos das forzas e corpos de seguridad e de Protección Civil. Paralelamente, un equipo concienciador percorrerá o areal achegando bolsas de lixo e recordando as restriccións
“O ano pasado acabamos a festa sen ningún dano no areal, con cero buracos e apenas lixo, asi que este ano traballamos para que sexa igual e para que nuns anos non sexa preciso nin sequera prohibir”, sinala o alcalde, Juan González
Nigrán, 16/06/26.- O Concello de Nigrán aumentará o número de drons do dispositivo especial en Praia América e Panxón para impedir que se caven grandes buratos durante a celebración do San Xoan. Así, os preto de 200 efectivos das diferentes forzas e corpos de seguridade e de Protección Civil que estarán traballando contarán cun número de vehículos aéreos maior que o ano pasado, o que lles permitirá vixiar exhaustivamente todo o areal e incluso as calas máis afastadas de Monteferro ou Lourido para así detectar infraccións. Segundo advirte o propio Concello, as multas por desobedecer e cavar ascenden de 100 € a 3.000 € en caso de ser leves e ata 200.000 € de ser catalogadas como graves. Todos os responsables destes axentes implicados, coa presencia do subdelegado de goberno Abel Losada, o alcalde de Nigrán, Juan González, e concelleiros, mantiveron esta mañá no Salón de Plenos unha Xunta Local de Seguridade para pechar o dispositivo.
A maiores, sumarase outra vez un equipo de concienciación ambiental, formado esta vez polo voluntariado do refuxio de animais ‘La isla de Tali’ e que durante toda a tarde estará a pé de praia repartindo bolsas de lixo ao tempo que recorda aos asistentes as obrigas que conleva o respecto dun espazo natural (mensaxe que se repetirá tamén por megafonía).
Tal e como se recalcou nesta reunión, por segundo ano consecutivo Nigrán contará co Posto de Mando Avanzado (PMA) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) para unir forzas nas labores de vixianza dos accesos ao areal (concretamente, que non se entre con pás, leña ou ferramentas para facer buratos). Na práctica, suporá que aos efectivos a pé de praia sumaranse os drons do equipo Pegaso da Guardia Civil estreados no 2024 máis outras 7 cámaras móbiles, un dron cautivo e un novo dron capaz de contabilizar, localizar e identificar en tempo real a posibles transgresores da lei. Todos reproducirán imaxes en directo para este posto de mando especial integrado por efectivos dos diferentes corpos de seguridade e solicitado desde a xefatura da Policía Local baixo as ordes de Teodoro de la Peña. Estas imaxes poderanse almacear para localizar a posteriori aos infractores. Desde o Concello de Nigrán incídese en que o incumprimento das medidas acarrexa sancións que oscilan de leve a moi grave, porque poderían comprender desde á alteración do ecosistema litoral ata unha infracción da lei de seguridade cidadá (todo contemplado no Plan de Conservación do Concello de Nigrán, Ley 42/2007 de Patrimonio Natural y la biodiversidad y Decreto 9/2014 de Conservación da Píllara das dunas, ademáis de publicarse un Bando Municipal específico ao respecto). Con todo isto e coma sempre, o Concello blindará por completo o sistema dunar para impedir calquera intento de penetrar nel.
“O ano pasado acabamos a festa sen ningún dano no areal, con cero buracos e apenas lixo, asi que este ano traballamos para que sexa igual e para que nuns anos non sexa preciso nin sequera prohibir”, sinala o alcalde, Juan González, quen unha edición máis apela a que cada grupo recolla o seu lixo e que se absteña de acceder con palas ou material para facer lume porque non se permitirá. “Traballamos para que a noite sexa igual á de 2025 e que as dúas únicas fogueiras que cada ano realiza o Concello en Panxón sexan as auténticas protagonistas da nosa festa máis señeira”, resume o rexedor, quen subliña que este ano a propia marea favorecerá o operativo ao quedar pouco marxe de area seca a disposición dos asistentes (a máxima pleamar será ás 23:52 horas e mínima baixamar ás 6:35 horas).
O dispositivo, composto por 200 persoas repartidas entre o persoal ao completo de Policía Local e Protección Civil, Guardia Civil (incluída a unidade de drons do equipo Pegaso) Guardia Civil de Tráfico, Seprona, Policía Nacional e Autonómica, arrancará ao mediodía do luns 23 e inclúe un hospital de campaña nas pistas deportivas de Gaifar con persoal contratado desde o Concello e o Punto Lila para posibles casos de violencia sexual contra as mulleres de 18:00 a 02:00 horas.
“Iniciamos no 2019 a primeira campaña de concienciación #SanXoanSenLixo, pioneira en Galicia e casi en todo o Estado, e o ano pasado optamos por concienciar e prohibir ao mesmo tempo, xa que foi preciso chegar a este punto ao que non nos gustaría ter que ter chegado. Podemos facer ben a festa sen afectar ao noso ecosistema natural, non está reñido, e iso é o que ímos esixir”, explica o alcalde.
O Concello de Nigrán confeccionará como cada ano dúas grandes fogueiras na praia de Panxón, as únicas permitidas na praia e, a maiores, ten autorizadas un total de 68 a particulares e entidades do municipio.

