O Concello de Oia convoca os II Premios á Excelencia Académica para recoñecer o esforzo do alumnado

Redacción

Despois da boa acollida da primeira edición dos Premios á Excelencia Académica do Concello de Oia, posta en marcha en 2025 co obxectivo de abrir un espazo público de recoñecemento e recompensa ao esforzo estudantil, a Administración local anuncia unha nova convocatoria dirixida ás e os estudantes empadroados no municipio que cursaran os seus estudos no ano académico 2025-2026.

En total entregaranse tres premios por cada unha das 4 categorías previstas, que se corresponden coas seguintes etapas educativas: Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de grao medio. As persoas galardoadas recibirán un agasallo e un diploma acreditativo.

As bases destes premios están xa dispoñibles na sede electrónica do Concello, onde tamén se pode descargar o correspondente modelo de solicitude. Estas solicitudes poderán presentarse entre o día 15 de outubro e o 15 de novembro (ambos incluídos). Nos casos en que o/a estudante sexa menor de idade, deberá figurar como persoa solicitante a nai/pai/persoa titora do/a menor.

Os agasallos irán en función da categoría e do premio acadado. Así, en Educación Primaria e Secundaria o primeiro premio recibirá un agasallo por valor aproximado de 200 euros, o segundo premio por valor de 100 e o terceiro por valor de 50. Pola súa banda, en Bacharelato e Formación Profesional de grao medio o agasallo do primeiro premio terá un valor aproximado de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros.

O Concello anima ao alumnado local a presentarse a esta segunda convocatoria duns premios que pretenden engadir un estímulo ás e os estudantes, alentar a dedicación ao estudo e recoñecer a excelencia das novas xeracións.

Requisitos

Para poder optar aos premios, os e as estudantes deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroados no concello de Oia dende o inicio do curso 2025-26, ter rematado o último curso da etapa educativa na que participa durante o período escolar 2025-26 (é dicir, ter cursado 6º de primaria, 4º da ESO, 2º de Bacharelato ou 2º curso de FP de grado medio) e ter acadado unha nota media mínima de 8,5 puntos en toda a etapa educativa na que participa.

As candidaturas que cumpran os requisitos especificados nas bases destes galardóns á excelencia académica serán avaliadas por una comisión técnica de valoración que emitirá un informe cos resultados da súa deliberación. Finalmente, o Concello de Oia organizará un acto público institucional de entrega de premios como recoñecemento ao mérito e esforzo do alumnado galardoado.

Comparte este artigo