- Estas obras están dirixidas por Pedro Calaza, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, presidente da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e secretario do Consello Galego de Enxeñerías, entre outros cargos
Para recuperar o valor botánico do espazo, o seu cromatismo, a súa funcionalidade ecosistémica e enfoque biofílico o Concello de Ponteareas executa unha intervención de mellora dos Xardíns da Xiralda na contorna da Casa do Concello.
Segundo adianta a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fdez Táboas, as obras contemplan unha mellora das agrupacións vexetais, o saneamento da flora, a mellora do medio edáfico, a configuración de espazos e o aumento da biodiversidade. “Todo iso abordado desde un enfoque de respecto ambiental e desde o prisma da información e divulgación técnico-científica”.
Obras pensadas por expertos
Fernández Táboas sinala que estas obras están dirixidas por Pedro Calaza, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, presidente da Asociación Española de Parques y Jardines Públicos, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e secretario do Consello Galego de Enxeñerías, entre outros cargos.
Ponteareas conta na actualidade cunha estratexia de infraestrutura verde, en coherencia e converxencia coa Estratexia Nacional de Infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas. Neste documento enténdense que os espazos urbanos deben ser tratados logo dunha análise detallada, e prestando especial atención ao deseño e xestión para garantir o seu funcionamento ecolóxico. Neste sentido, o Xardín da Xiralda sitúase como un dos epicentros verdes urbanos que ten un grande uso e valores botánicos de especial singularidade.
Co obxectivo de mellorar o axardinamento, o uso do espazo, a posta en valor da botánica do lugar, a biodiversidade e a sustentabilidade o alumnado do obradoiro de emprego na modalidade de carpintería e xardinaría acomete as obras dirixidas por este experto, membro do Grupo de traballo WG7 de bosques urbanos e periurbanos da FAO, do Grupo de estudos do territorio da Universidade da Coruña e coordinador da Comisión de Bosques Urbanos e Norma Selecta da AEPJP.
Enmarcadas nestas obras estase a proceder á retirada dunha das especies arbóreas que estaba xa morta e constitúe un perigo para a cidadanía. Grazas a esta intervención as veciñas e veciños poderán gozar dun espazo seguro, fermoso e fresco que ademais acolle eventos como a Feira do Libro, presentacións ou concertos das bandas de música.
A alcaldesa, Nava Castro, adianta que seguirán executándose proxectos de mellora deseñados da man de expertos para conseguir unha vila máis agradable non só para a cidadanía tamén para o resto das persoas que nos visitan. “Proxectos que son pensados de xeito conxunto tendo en conta diferentes sectores e implicando a todas as áreas porque ter unha vila fermosa é cousa de todos, do comercio, das veciñas e veciños no coidado das súas propiedades, das persoas que o habitan e das administracións que o xestionan”. Recorda a alcaldesa que o Concello xa desenvolve distintas iniciativas que promoven o embelecemento da vila como o concurso Balcóns Floridos e o recoñecemento de Vilas en Flor.