– Augas de Galicia informou esta tarde de que a interrupción comezará o xoves día 13 ás 08:00 horas cunha duración prevista de 6 horas por tarefas de mantemento na presa.
– O Concello cualifica de “crítica” a situación debido ás altas temperaturas e avisa de posibles cortes e baixadas de presión en Quintela, Río Frío, San Esteban de Negros e Cidadelle.
O Concello de Redondela traslada aos veciños e veciñas o aviso oficial remitido por Augas de Galicia esta tarde e no que se confirma un corte total no fluxo de auga procedente do canal de Eiras. Sería este xoves 13 de agosto, a partir das 08:00 horas. Segundo o organismo autonómico, a parada terá unha duración prevista de 6 horas debido á execución de tarefas de mantemento na presa.
O goberno local manifesta a súa fonda preocupación polas consecuencias que esta paraxe poida ter no abastecemento municipal. A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que a notificación chegase con menos de 48 horas de antelación, xa que coincide cun período de tempo extremadamente caloroso, o que provocou un incremento notable do consumo estival e deixa os depósitos cunha marxe de regulación moi axustada.
Zonas críticas e previsión de afectación
Aínda que os traballos na presa están programados para durar 6 horas, o Concello advirte de que a recuperación total do caudal no canal pode demorarse de forma significativa debido á gran lonxitude do trazado. Por este motivo, e ante a falta de capacidade de reserva nos depósitos, prevese que poden rexistrarse problemas de presión ou falta de subministro nas zonas de Quintela, Río Frío, Santo Estevo de Negros e, segundo a evolución, en Cidadelle.
Os técnicos municipais e a concesionaria Aqualia coordinarán manobras de urxencia para estirar ao máximo os niveis de reserva. Con todo, o Concello advirte de que, se o consumo se dispara ou a rede se desestabiliza, procederase a realizar cortes selectivos do subministro nas zonas máis afectadas para protexer a integridade global do sistema.
Chamamento urxente ao aforro de auga
Para evitar restricións severas, faise un chamamento a toda a poboación, sector comercial e hostalería para que reduzan o consumo ao mínimo imprescindible desde este mesmo momento. Solicítase a supresión de actividades non esenciais como o rego de xardíns e hortas, o lavado de automóbiles ou o recheo de piscinas. O esforzo e a solidariedade de toda a veciñanza de Redondela durante as vindeiras horas serán determinantes para garantir o abastecemento básico. O Concello manterá informada á poboación a través das canles dixitais e redes sociais oficiais ante calquera cambio de última hora que comunique Augas de Galicia.

