O concello de Redondela comeza a limpeza subsidiaria das parcelas forestais en risco de incendio

Redacción

– A tala comezou esta semana na zona da Murada, en Rande, e continuará os vindeiros días ata limpar un total de 27 parcelas noutros puntos da parroquia de Cedeira, así como en Chapela, Vilar e Trasmañó. Os traballos realízanse a través do convenio que o Concello mantén con Seaga, e afectan a case 30.000 metros cadrados.

– A alcaldesa, Digna Rivas, subliñou que estas accións son ferramentas imprescindibles para eliminar riscos de incendios en puntos sensibles do municipio. A resolución municipal inclúe o comiso inmediato da madeira extraída e a repercusión de todos os custos económicos aos propietarios.

Redondela, 17 de xuño de 2026. O Concello de Redondela, baixo a dirección da Concellería de Medio Ambiente, comezou de forma efectiva a execución subsidiaria para a limpeza e xestión de biomasa nun total de 27 parcelas de titularidade privada en diferentes parroquias do municipio. Os traballos de tala e roza realízanse a través do convenio subscrito con Seaga (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos). As actuacións comezaron esta semana na zona da Murada, en Rande, logo dos atrasos acumulados pola empresa pública desde os anos 2024 e 2025.

En total, a intervención faise sobre unha superficie forestal de 28.500 metros cadrados. Os traballos céntranse en espazos estratéxicos e vulnerables situados dentro das franxas secundarias de protección tanto de Chapela como de Cedeira, Vilar de Infesta e Trasmañó.

Garantía de seguridade e prevención de riscos

A limpeza subsidiaria realízase tras rematar o prazo concedido aos propietarios para cumprir con esta obriga. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que se trata dun acto de responsabilidade: “A nosa prioridade absoluta é protexer as vidas e os bens dos veciños e veciñas de Redondela. Dende o Concello esgotamos as vías previas e asumimos a execución a través do Seaga para evitar o risco de incendios en puntos sensibles”. Cumprindo a normativa vixente comísase toda a madeira de especies pirófitas (como eucaliptos e piñeiros) que sexa retirada das parcelas, amais de tramitarse as correspondentes sancións.

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explicou que a folla de ruta está deseñada para optimizar os recursos: “Os traballos comezan nos lugares onde a proximidade da maleza ás vivendas xera máis risco, pero o operativo non vai parar e as brigadas continuarán traballando polo resto de parcelas catalogadas”.

Desde o Concello solicitouse xa ao Seaga a limpeza doutro lote de parcelas correspondentes ao convenio deste ano 2026.

A parroquia de Reboreda foi incluída no Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) como zona prioritaria, despois dos graves incendios dos últimos anos. Os propietarios de terreos que estean situados  a 50 metros ao redor de vivendas e núcleos de poboación poden solicitar o servizo de roza á empresa pública Seaga cunha tarifa bonificada. O trámite pode realizarse a través do Concello.

Comparte este artigo