– O Concello de Redondela denuncia que SEAGA non realizou as limpezas correspondentes aos anos 2024 e 2025. Hai dous anos a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a tala da biomasa en diferentes espazos, como a zona de Río Frío en Chapela, pero aínda non fixeron os traballos.
– A alcaldesa, Digna Rivas, esixe que estes traballos se realicen de maneira urxente nas denominadas “faixas secundarias” para previr incendios. Por convenio o SEAGA debe realizar a limpeza de 10 hectáreas cada ano. Desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”.
O Concello de Redondela denuncia que a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos que depende da Xunta, SEAGA, aínda non realizou as limpezas correspondentes aos anos 2024 e 2025. Hai xa dous anos que a Consellería de Medio Rural se compromete a acometer a limpeza e tala da biomasa en 17 parcelas, entre elas as da zona de Río Frío en Chapela, pero aínda non a realizou. A alcaldesa, Digna Rivas, esixe que estes traballos se realicen de maneira urxente nas denominadas “faixas secundarias” do municipio para previr incendios. Trátase de franxas de 50 metros ao redor de construcións e vivendas que deben manterse limpas e sen especies pirófitas, propensas a propagar lumes. Conservar estas zonas de monte correctamente “é esencial para evitar a proliferación de lumes en puntos sensibles”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez. O edil explica que teñen conversas telefónicas co SEAGA en numerosas ocasións “onde nos transmiten a súa intención de actuar, pero o tempo pasa e as limpezas non se fan”. NA última comunicación a empresa de Medio Rural anunciou que realizaría a limpeza en marzo, “pero a piques de rematar o mes de maio aínda non actuaron”. Álvarez insiste en que o traballo do SEAGA é “esencial” para previr lumes. Desde o Concello ofrécese “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación e que se realicen os traballos”.
O Concello de Redondela, a Consellería do Medio Rural, a FEGAMP e o SEAGA asinaron o convenio para a xestión da biomasa en 2022. A través deste acordo a empresa pública debe acometer a limpeza de 10 hectáreas no municipio cada ano, pero aínda non se realizou. Álvarez, explica que “debe ser Medio Rural quen realice a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas, na súa maior parte eucaliptos e piñeiros”. O concelleiro confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible”.

