– As inspeccións confirman que os residuos proceden de actividades de construción e reformas. Os vertidos rexistráronse en Cedeira, Chapela e Redondela. Entre os restos atópanse cascallos, electrodomésticos, mobles e material de obra que deberían trasladarse a plantas de reciclaxe. Estes vertidos supoñen unha infracción e a ordenanza municipal contempla multas de ata 3.000 euros para as máis graves.
O Concello de Redondela ten en marcha varias investigacións por vertidos incontrolados na vía pública en diferentes puntos. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que pola tipoloxía e o volume dos materiais atopados, a orixe destes vertidos non corresponde a particulares, senón a actividades empresariais e profesionais “que esquivaron de xeito ilegal a normativa”. Entre os restos localizados destacan cascallos de reformas e construción, ventás e tubos, así como mobles e electrodomésticos de liña branca. Este material debe levarse a plantas de reciclaxe a través dun xestor autorizado. Os últimos puntos de vertidos localízanse na zona da Formiga e na N-552, en Cedeira, na zona de Pasán, en Chapela, e no camiño da Subida á Estación Vella, en Redondela.
Dende o Goberno local cualifican estes actos como “atentados ecolóxicos ” que non só danan a imaxe do municipio e o seu medio natural, senón que tamén supoñen un grave risco de contaminación. As pescudas avanzan e, nun dos catro casos analizados, a Policía de Medio Ambiente do Concello dispón de datos sobre un vehículo investigado como presunto responsable de transportar e depositar os refugallos de forma clandestina. O concelleiro de Medio Ambiente agradece a colaboración cidadá “que está a dar os seus froitos” e destaca a gran labor policial de investigación na identificación dos infractores. Álvarez sinala que no seu departamento son conscientes de que existen máis puntos de vertidos e fai un chamamento á colaboración veciñal “para localizar e denunciar ás persoas responsables de realizar vertidos ilegais en espazos públicos”.
O Concello lembra que as sancións por realizar vertidos industriais non autorizados poden alcanzar contías moi elevadas, ademais da obriga legal de restituír o terreo ao seu estado orixinal. No caso das infraccións leves a ordenanza municipal contempla multas de ata 750 euros, para as infraccións graves ata 1.500 euros, e no caso das moi graves as sancións poden chegar aos 3.000.
Residuos no paseo do Pexegueiro
A Concellería de Medio Ambiente deu traslado ao Ministerio de Transportes e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ( Adif ) dos residuos atopados nun tramo do paseo do río Pexegueiro, en Cesantes. Estes organismos son os propietarios dos terreos, na beira da estrada nacional e a liña de tren. Recentemente realizaron traballos de tala e roza de maleza na zona, o que deixou á vista gran cantidade de lixo.
Servizo de recollida de residuos voluminosos para particulares
Para o depósito de residuos voluminosos, mobles, colchóns, electrodomésticos, etc. existe un servizo de recollida a domicilio sinxelo e gratuíto para os veciños e veciñas particulares. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986.388.111, de 9 a 14 horas, onde os informarán do día e lugar para depositar os residuos. No caso de empresas a normativa autonómica establece que deben retirar os seus residuos a través de xestores autorizados.

