– As actuacións executaranse nos camiños da Fontecova, do Requeixo e da Cotacha, en Ventosela, e no camiño da Cabadesa, de Trasmañó). Desde o Concello destacan que non se trata de simples reparacións, senón de novos pavimentados e melloras na drenaxe.
– Os proxectos intégranse no Plan de Investimento Municipal, dotado con 2,7 millóns de euros de fondos propios que afecta a máis de 70 vías de todo o municipio. Todas as obras foron validadas por unanimidade nos correspondentes Consellos Parroquiais .
Redondela, 26 de setembro de 2026. O Concello de Redondela continúa a bo ritmo co ambicioso Plan de Investimento nos Camiños Municipais, unha folla de ruta dotada con 2,7 millóns de euros de fondos propios para a modernización e pavimentación de máis de 70 camiños repartidos por todo o municipio. No marco deste plan global acaban de adxudicarse os traballos de catro vías, tres na parroquia de Ventosela e outro en Trasmañó, cun orzamento total de 105.291 euros.
En Ventosela as obras realizaranse no camiño da Fontecova, cunha dotación de 44.193,90 euros. Actuaranse en dous tramos que suman 877 metros de lonxitude para renovar o firme asfáltico en quente e instalarase unha nova rede de drenaxe soterrada, arquetas e sumidoiros para corrixir as escorrentías. O segundo dos camiños desta parroquia é o do Requeixo, cun orzamento de 20.521,01 euros para aplicar unha capa de regularización e recrecido con mestura bituminosa en quente nun tramo de 130 metros. O terceiro é o camiño da Cotacha, onde se pavimentarán os 180 180 metros da vía con melloras de drenaxe mediante canaletas con reixela e medio tubo de formigón. O investimento será de 17.586,66 euros. No caso de Trasmañó renovarse o camiño da Cabadesa cunha partida de 22.990,00 euros para un tramo de 96 metros de longo onde se substituirá o vello firme deteriorado por unha nova soleira de formigón lixeiramente armado de 12 cm. de espesor.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o valor destes investimentos para mellorar a mobilidade dos veciños e veciñas das parroquias, tanto para o tráfico rodado como para os peóns. A rexedora puxo en valor que se trata de obras “moi demandadas” e que foi a propia cidadanía a que as escollou por unanimidade nos Consellos Parroquiais “o garante que os investimentos municipais van exactamente a onde a veciñanza o necesita”, sinalou Rivas.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor o impacto das obras dentro do conxunto do municipio. “Imos renovar máis de 70 camiños por todo o territorio de Redondela. Non se trata só de reparar, senón de renovar totalmente o firme con asfaltado ou formigón e solucionar tamén os problemas estruturais de canalización de augas pluviais. Villar explica que deste xeito as infraestruturas rurais serán “máis sostibles duradeiras e preparadas para as inclemencias do tempo, minimizando os custos de reparación no futuro”.

