-A concellería de Maiores pon en marcha un ano máis un curso de memoria dirixido a persoas de máis de 55 anos. Baixo o título “Mentes activas” as clases comezarán o mes de febreiro en toda as parroquias. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen desprazarse da súa parroquia”.
-A concelleira Pilar Martínez explica que nestes cursos os participantes “desenvolverán experiencias sensoriais, xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudarán a reforzar a atención, incrementar a agudeza auditiva e visual e previr o deterioro da memoria, o que redunda nunha mellor calidade de vida”.
O Concello de Redondela, a través da concellería de Maiores, pon en marcha un ano máis un curso de memoria dirixido a persoas de máis de 55 anos. Trátase dun curso moi demandado e que se impartirá en todas nas parroquias baixo o título “Mentes activas” con actividades unha hora á semana en colaboración coa Fundación Formavigo. A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que estas actividades antes limitábanse a Redondela e Chapela, e que agora se imparten tamén no resto do territorio. A rexedora destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen desprazarse da súa parroquia”.
A concelleira Pilar Martínez explica que nestes cursos os participantes “desenvolverán experiencias sensoriais, xogos interactivos e diferentes exercicios que lles axudarán a reforzar a atención, incrementar a agudeza auditiva e visual e previr o deterioro da memoria, o que redunda nunha mellor calidade de vida”.
O ano pasado participaron nestes cursos un total de 144 persoas, divididas en 12 grupos con 12 alumnos cada un. “O obxectivo deste ano é ampliar as prazas ata os 14 grupos para un total de 168 persoas”, explica a edil de Maiores “porque queremos chegar ao maior número posible de xente en todas as parroquias”. A valoración que fan os participantes é “moi boa”, xa que “todo o alumnado afirma ter mellorado a lóxica, a comprensión lectora, a escritura e mesmo as súas relacións sociais”.
Os cursos, que son de balde, abren o prazo de inscrición a próxima semana nos rexistros habilitados no Concello. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición. O único requisito é ter máis de 55 anos, con preferencia para as persoas empadroadas en Redondela. As actividades comezarán o 20 de febreiro con diferentes días e horarios nas asociacións e centros culturais participantes: CCD Cesantes, CCS A Miñoteira de Ventosela, AVV Chapela, ADC Rande, CC San Esteban de Negros, CC Saramagoso no Viso, CC Cabeiro, Asociación Soutoxuste, CC Vilar de Infesta, CC Cidadelle e Asociación Arela en Saxamonde.
A próxima semana ábrese tamén o prazo para os cursos de Risoterapia e Musicoteparia, que se impartirán tamén en todas as parroquias a partir do mes de marzo.

