– O Concello de Redondela recoñeceu oficialmente a traxectoria do xogador de fútbol sala Pablo García Lago, coñecido deportivamente como ‘Pachu’. Veciño do municipio, actualmente é xogador do CD Xota FS de Pamplona e foi convocado recentemente como internacional pola Selección Española de Fútbol Sala.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou tamén o compromiso e a brillante faceta académica do internacional español, sinalando que é un exemplo “de formación e madurez” para a mocidade do municipio.
Redondela, 2 de xuño de 2026. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto coa tenente de alcaldesa Rita Pérez e o concelleiro de deportes Antonio Cabaleiro, presidiu esta mañá o acto oficial de homenaxe a Pablo García ‘Pachu’ (Redondela, 2000). O veciño do municipio e actual xogador do CD Xota FS de Pamplona recibiu no Concello o recoñecemento “Orgullo redondelán” aproveitando os escasos días de descanso que o xogador pasa no municipio.
Rivas destacou que o distintivo ‘Orgullo redondelán’ premia un rendemento deportivo excepcional que tivo o seu cume este mesmo ano coa chamada da Selección Española absoluta. Durante a entrega, a alcaldesa fixo especial fincapé na faceta académica do galardoado, licenciado en Enxeñería Biomédica. “Pachu representa os mellores valores da nosa mocidade: o compromiso e a responsabilidade, unha demostración de que con traballo pódense alcanzar as metas máis altas tanto na pista como nas aulas. O edil de deportes gabou a traxectoria do xogador como un referente absoluto para toda a base do deporte local. O xogador estivo arroupado pola súa familia, e tamén asistiron ao acto os concelleiros da corporación municipal Iván Crespo e Julio Mougán.
Pablo García agradeceu o distintivo e amosou un fondo orgullo polas súas raíces, ao lembrar a súa participación como danzante na Festa da Coca no ano 2018, cando tiña 17 anos. O ala do Xota FS Pamplona falou desta experiencia persoal como un recordo que garda con especial cariño desta celebración.
Pachu converteuse nun dos xogadores máis determinantes do fútbol sala nacional grazas ao seu desborde e capacidade goleadora na máxima categoría. O pasado mes de abril cumpriu o soño de debutar coa absoluta nos partidos amigables disputados na cidade de Nokia (Finlandia), onde ademais se estreou como goleador coa camiseta de ‘La Roja’. Desde o Concello desexáronlle moita sorte na súa carreira deportiva, na que o xogador agarda volver formar parte do combinado vermello.

