– A alcaldesa, Digna Rivas, asinou co club o convenio para a temporada 2026, destacando o ascenso do equipo masculino á Liga ACT e a consolidación do feminino na LGT-F.
– A achega municipal increméntase un 160% respecto ao ano anterior para facer fronte ás novas esixencias deportivas do club e garantir a igualdade das axudas entre as categorías masculinas e femininas.
O Concello de Redondela e o Club de Remo Chapela oficializaron o convenio de colaboración para a presente temporada 2026. O acordo, asinado pola alcaldesa Digna Rivas e o presidente do club, Antonio Viaño, supón un fito no apoio ao deporte local. O Goberno municipal destina este ano un total de 55.000 euros á entidade deportiva, o que representa unha aposta económica sen precedentes para o remo redondelán. Este incremento no orzamento, que supón un 160% máis que os 21.000 euros achegados o pasado ano, vén motivado polo excelente nivel competitivo do club. Na actualidade, a traiñeira masculina de Chapela compite na elite nacional, a Liga ACT, mentres que o barco feminino mantense firme na LGT-F.
A alcaldesa, Digna Rivas, quixo poñer en valor o “gran esforzo económico” que realiza o Concello, xustificado polo compromiso de acompañar ao club nos novos retos deportivos. “Somos conscientes da esixencia que supón estar na máxima categoría e desde o Goberno local estamos para apoiar aos nosos deportistas”, sinalou a rexedora.
Igualdade no remo. Ademais do apoio á competición, a alcaldesa destacou un avance fundamental en materia de xustiza social: a equiparación económica das subvencións nas categorías masculinas e femininas. Esta medida forma parte dunha “aposta decidida pola igualdade real no deporte”, explica Rivas.
Con este novo convenio, o Concello de Redondela asegura a estabilidade dunha das entidades máis emblemáticas da vila, recoñecendo o esforzo dos deportistas, do corpo técnico e da directiva por manter viva a tradición do remo no máis alto nivel.

