O Concello de Soutomaior aprobou un paquete de subvencións nominativas no que vai deste 2026 por valor de 69.848 euros destinado a reforzar a actividade das asociacións, entidades educativas, culturais e deportivas do municipio.
O obxectivo destas axudas é apoiar o importante labor social, educativo, cultural e deportivo que desenvolven ao longo do ano, contribuíndo a dinamizar a vida comunitaria e a fortalecer a participación veciñal.
No ámbito social, o Concello concederá unha subvención de preto de 2000 euros á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para apoiar a súa labor solidaria e de cooperación.
En materia educativa, destinaranse case 1600 euros a cada ANPA do concello de Soutomaior, á APA do Colexio Padín Truiteiro de Arcade (Asociación de Nais e Pais de Alumnos Negueirós), á Asociación de Pais do CPR Santiago Apóstol e á Asociación de Pais e Nais do Alumnado do IES de Soutomaior “Facendo Camiño”, co fin de colaborar na organización e desenvolvemento de actividades culturais e deportivas dirixidas ao alumnado.
A cultura contará cun importante apoio a través da subvención de 40.000 euros para a Asociación Musical Artística de Arcade, destinada ao mantemento e promoción da formación musical, recoñecendo o papel fundamental que desempeña esta entidade na difusión da música e na formación de novas xeracións de músicos e músicas no concello.
No eido deportivo, o Concello apoiará diferentes clubs e entidades do municipio para a realización de actividades deportivas e a promoción do deporte. Destacando os máis de 7400 euros que recibirá por unha banda o Club Deportivo Arcade e pola súa banda o Club Deportivo de Soutomaior. Subvencións que tamén chegarán ao o Club Náutico de Arcade; á Sociedade de Cazadores A Peneda, o Kick Boxing Club Arcade; á Sociedade de Pesca de Soutomaior: ao Club de Patinaxe Artística Soutomaior; á Asociación Cultural Club 600 Arcade e o Club Arcadia Escola de Fútbol.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “estas subvencións son unha mostra do compromiso do Concello co tecido asociativo local, que realiza un traballo imprescindible para construír comunidade, ofrecer alternativas de ocio saudable e enriquecer a vida cultural, educativa e deportiva do noso municipio”.
Lourenzo sinalou ademais que “desde o Concello queremos seguir acompañando a labor destas asociación e proporcionarlles estabilidade para que poidan continuar desenvolvendo proxectos que benefician ao conxunto da cidadanía”.
O rexedor engadiu que “investir nas nosas entidades é investir en cohesión social, en oportunidades para a mocidade, na promoción dos hábitos saudables e na conservación dun tecido cultural e asociativo que é unha das grandes fortalezas de Soutomaior”. Con estas achegas, o Concello reafirma a súa aposta pola colaboración coas entidades locais e polo fortalecemento dunha rede asociativa que desempeña un papel fundamental na dinamización social, cultural e deportiva do municipio.

