Hoxe abren as inscricións en liña para este servizo que este ano contará con 6 quendas para conciliar na época estival que van dende a última semana de xuño ata a primeira de setembro, cada quenda contará cun total de 50 prazas. Trátase dun espazo de conciliación destinado a crianzas entre 3 e 16 anos.
Desde o Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Igualdade, ponse en marcha o programa Espazo Concilia: Trouleando en Soutomaior, destinado á conciliación da vida familiar e laboral durante os períodos non lectivos da escola para as familias do Concello de Soutomaior.
A concelleira de Igualdade e de Benestar, Rosana Martínez Boullosa e a técnica de Igualdade do CIM, Marga Taboada, presentaron a oferta de conciliación que dende o Concello de Soutomaior lanzan para este verán.
Un programa que vai dirixido ás crianzas empadroados/as no Concello de Soutomaior de entre 3 e 16 anos de idade.
O horario deste Trouleando en Soutomaior, para todas as idades, é de 9 da mañá ás 14:00h, pero existe a posibilidade de entrar ás 8:00 h. (aula matinal) e de saír ás 15:00 h . Polo tanto existen 4 horarios a escoller: opción 1: de 9 a 14:00 h. ; opción 2: de 8 a 14:00 h.; opción 3: de 8 a 15:00 h.; opción 4: de 9 a 15:00 h.
Este programa está subvencionado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, a través da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
En relación ás inscrición e a asignación de prazas: a inscrición das solicitudes pode facerse dende hoxe 1 de maio e ata o 12 deste mes en liña na páxina web do concello de Soutomaior https://soutomaior.gal/produto/espazo-concilia-trouleando-2025/ou, de xeito presencial, nas oficinas do CIM os martes e venres de 9:00 a 14:00h. dende hoxe ata o luns 12 de maio.
O Campamento desenvolverase durante a última semana de xuño, os meses de xullo e de agosto e a primeira semana de setembro no edificio Multiúsos de Arcade. Desta forma contará coas seguintes quendas: 1ºquenda do 23-30 xuño e chegará baixo o título “Un mar de aventuras” ; 2ª quenda do 1 -15 xullo con “Seres diminutos da natureza”; 3º quenda do 16-31 de xullo con “Personaxes de ficción”; 4º quenda do 1-14 de Agosto baixo o paraugas de “Xogamos coa ciencia”; 5ºquenda: 18 -29 de Agosto do 2025 con “Olimpíadas domésticas” e a 6º quenda do 1 -9 de setembro de 2025 desenvolverase baixo o título “Enigmas e enxeñas”. Cada quenda contará cun total de 50 prazas.
Valoracións e puntuación
Asignaranse as prazas segundo criterios de vulnerabilidade, acreditándose no momento da inscrición: familias empadroadas ou que traballen no termo municipal; familias monomarentais / parentais; mulleres en situación de desemprego; vítima de violencia de xénero; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares; familias con diversidade funcional; familias numerosas e renda por debaixo dos 23.000 euros.
A documentación a presentar na plataforma durante a inscricións será: DNI da crianza (de non dispoñer del, fotocopia do libro de familia); DNI[s1] da nai e o pai; acreditación dos criterios de vulnerabilidade; cumprimentar os anexos de autorización de toma de imaxes. Dende o departamento de Igualdade informan de que as persoas que non presenten toda a documentación requirida, quedarán excluídas da convocatoria.