O concello destina 105.000 euros a oito colexios de infantil e primaria

Redacción
Lectura mínima de 3

– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a modalidade de autoxestión permite aos centros de ensino facer fronte aos seus gastos “dun xeito directo e máis áxil”. O obxectivo do Concello é “que os centros públicos estean nas mellores condicións posibles para o alumnado e o profesorado”, explicou a alcaldesa.

– O Concello advirte que debe facer fronte a gastos que son “competencia exclusiva da Xunta de Galicia” ante a falta de investimento da Consellería de Ensino. A maioría dos centros públicos están obsoletos, e “malia as reiteradas demandas da comunidade educativa para obras urxentes o goberno galego non achega solucións”, sinala Rivas.

Oito colexios públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP) terán 105.000 euros do Concello para mantemento, pequenos arranxos e melloras nos centros. A alcaldesa, Digna Rivas, asinou coa dirección dos centros os convenios económicos para cubrir as necesidades das instalacións escolares. Rivas explicou que co programa de autoxestión os centros escolares afrontan o mantemento, conservación e reparación das súas instalacións. Os colexios que se adheriron a este convenio de autoxestión son os CEIP Alexandre Bóveda, Cedeira, Igrexa, Laredo, Outeiro das Penas, Porto Cabeiro, Quintela e Reboreda.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que esta modalidade de colaboración permite aos centros de ensino facer fronte aos seus gastos “dun xeito directo e máis áxil”, sen ter que depender de trámites administrativos para intervencións urxentes ou básicas. A achega municipal está destinada a cubrir gastos correntes derivados de traballos de mantemento e reparacións ordinarias en áreas como a xardinería, carpintería, pintura, fontanería, albanelaría ou electricidade. “O noso obxectivo é que os colexios públicos estean nas mellores condicións posibles para o alumnado e o profesorado”.

O Concello advirte que debe facer fronte a gastos que son “competencia exclusiva da Xunta de Galicia” pola falta de investimento da Consellería de Ensino nos centros públicos do municipio. Rivas sinala que a maioría dos centros teñen décadas de antigüidade e están obsoletos. Están detalladas deficiencias graves nunha ducia de centros. Unha das actuacións máis urxentes é a renovación da cuberta do CEIP Laredo. Malia existir un informe técnico e unha orde de execución desde xaneiro 2025 a Xunta non actuou, obrigando ao Concello a adoptar medidas de seguridade preventivas. No EEI A Marisma e CEP Santa Mariña precisan habilitar comedores escolares, nos CEIP Cedeira e CEIP Quintela solicitan o peche das pistas deportivas e no CEIP Alexandre Bóveda urxen a revisión da cuberta e das ventás, entre outras demandas.

Comparte este artigo