O Concello do Porriño pon a disposición de emprendedores seis oficinas recén renovadas no Viveiro de Empresas do Multicentro de Torneiros

Redacción

● Trátase dunha iniciativa deseñada para impulsar o tecido empresarial local e apoiar aos novos proxectos nos seus primeiros pasos no mercado.

O Concello do Porriño pon a disposición de novos emprendedores seis oficinas completamente renovadas, equipadas e emprazadas no viveiro de empresas do Multicentro de Torneiros.

Ábrense así de novo estas oficinas tras sometelas a unha reforma integral para garantir a máxima eficiencia térmica e apostar pola modernidade, incluíndo a renovación do solo, paredes e fiestras. “O obxectivo foi adaptar estas instalacións ás necesidades actuais do tecido produtivo e ofrecer contornas profesionais máis modernas, funcionais, sostibles e competitivas”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo, que anima á cidadanía con un proxecto a que se traslade a Torneiros para levalo a cabo. “Sabemos o que custa emprender, e como administración queremos tenderlles a man, porque se estes proxectos crecen, O Porriño crece con eles”.

Son espazos pensados para novos proxectos empresariais e persoas autónomas que inicien a súa actividade no municipio, facilitándolles o acceso co fin de reducir custos iniciais e favorecer a súa consolidación. Os requisitos son contar cun proxecto empresarial viable de nova creación, cunha empresa de menos dun ano de antigüidade ou cunha actividade nova ou innovadora, e presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Municipal do Concello. As persoas interesadas poderán solicitar información tamén nas oficinas de Porremprego.

Trátase dunha cesión temporal por un ano prorrogable, promovida pola Concellería de Emprego e Formación, “pensada especialmente para emprazar as empresas na súa etapa inicial, ofrecéndolles un acompañamento integral e servizos adaptados ás necesidades específicas de cada proxecto”, apunta a concelleira de Emprego, Teresa Veloso.
Trátase de oficinas equipadas e con todos os servizos básicos incluídos. As persoas emprendedoras que accedan a estas instalacións poderán beneficiarse dunha serie de prestacións e infraestruturas, entre as que destacan o acceso aos espazos comúns do mesmo centro para o seu uso como salas de formación ou de reunión, ou o servizo de wifi gratuíta.

Comparte este artigo