O Concello do Porriño respalda ás comunidades de augas veciñais para mantemento e inversión nas súas instalación 

Redacción
  • Apoianse proxectos de mantemento, controis sanitarios e investimentos en mellora de redes de 20 comunidades de auga do municipio
  • A administración local xa adiantou o 80 % das contías concedidas  para facilitar a execución dos traballos
  • O orzamento municipal ascende a 175.000 euros

Un total de 20 comunidades de augas beneficiáronse das liñas de axudas municipal para 2026. Cun orzamento  que supera os  170.000 euros,  o concello axuda a custear o mantemento das infraestruturas e a execución de novas obras para garantir auga de calidade en todo o termo municipal. 

A presente convocatoria articúlase a través de dúas liñas de actuación ben diferenciadas, pensadas para cubrir tanto as necesidades operativas do día a día como os proxectos de futuro das entidades veciñais. A primeira destas liñas está destinada integramente ao mantemento e á xestión operativa dos recursos, contando cunha dotación orzamentaria de 95.000 euros. Esta partida económica ten como obxectivo financiar todos aqueles traballos esenciais para o correcto funcionamento diario dos sistemas, abarcando dende a posta a punto e limpeza dos puntos de captación de auga —como fontes, pozos e as súas zonas periurbanas de protección— ata a conservación dos depósitos de almacenamento e das plantas de potabilización. 

Tamén inclúe a resolución de avarías na rede de distribución, actuacións xerais nas instalacións e os custos derivados de adaptar a xestión ao protocolo de autocontrol (PSA), traballando en directa coordinación co programa de vixilancia sanitaria para garantir a máxima calidade da auga subministrada.

Pola súa banda, a segunda liña orientada aos investimentos e infraestruturas dispón duns fondos de 80.000 euros. Esta contía está deseñada especificamente para permitirlle ás entidades executar obras de maior magnitude, mellora ou renovación en inmobles e instalacións que sexan da súa propiedade, ou ben sobre aqueles bens dos que teñan acreditado un dereito de uso. As entidades beneficiarias contaron coa posibilidade de presentar as súas solicitudes a calquera das dúas liñas ou mesmo a ambas simultaneamente, maximizando así o aproveitamento do programa.

Trátase duns fondos que se foron consolidando e reforzando de xeito moi significativo ao longo dos últimos anos, reflectindo un apoio orzamentario municipal en constante crecemento. Esta evolución económica amosa un salto notable dende o ano 2021, cando se destinaron 82.479,42 euros, pasando polos 87.353,01 euros acadados no exercicio 2022. O incremento máis acusado produciuse no ano 2023, momento no que a cifra case se duplicou ao superar os 160.000 euros, mantendo esa tendencia ascendente nos dous últimos exercicios ata acadar a cifra récord actual de 175.000 euros no orzamento para este fin. A contía final adxudicada financia cada proxecto presentado ata o límite máximo permitido polas bases ata un máximo de 12.000.

Para facilitar a tramitación e que as entidades dispoñan do financiamento necesario sen necesidade de constituír garantías, o Concello aprobou o anticipo do 80 % do importe total concedido. 

O acto de entrega contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e do concelleiro de Parroquias e Comunidades de Auga, Marcos Martínez. O rexedor destacou o compromiso do Concello co mantemento dun servizo esencial para o rural. “Estas axudas son fundamentais para que as comunidades de augas poidan garantir un abastecemento seguro, moderno e en boas condicións. O noso obxectivo é seguir reforzando ano a ano esta colaboración para que todas as parroquias conten con infraestruturas adecuadas e unha auga de máxima calidade”, manifestou. O alcalde puxo en valor o traballo das entidades veciñais como exemplo de organización e responsabilidade colectiva.  

Comparte este artigo