As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude dende o 0 3 ao 16 de novembro para participar no proceso de oposición libre
O Concello do Rosal abre este martes 3 de novembro a convocatoria do proceso selectivo para crear unha bolsa de emprego de auxiliar de biblioteca destinada a cubrir futuras necesidades temporais de persoal neste servizo municipal. O prazo para presentar solicitudes xa está aberto ata o vindeiro 16 de novembro, incluído.
A convocatoria, publicada xa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), desenvolverase mediante o sistema de oposición libre, sen fase de concurso de méritos. Para participar será necesario contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou equivalente e cumprir os demais requisitos establecidos nas bases. A taxa de participación é de 15 euros, coas exencións ou bonificacións que correspondan segundo a ordenanza municipal.
O proceso selectivo consistirá nun exame tipo test de 40 preguntas, relacionadas tanto con coñecementos xerais da Administración pública como con materias específicas do ámbito bibliotecario. A proba terá unha duración máxima de 50 minutos e será necesario acadar un mínimo de 20 puntos sobre 40 para superala. As respostas incorrectas non penalizarán. Ademais, as persoas aspirantes que non acrediten o nivel CELGA 3 ou equivalente deberán realizar unha proba de coñecemento da lingua galega, de carácter obrigatorio e eliminatorio.
A bolsa de emprego constituirase coas persoas que superen o proceso selectivo, ordenadas segundo a puntuación obtida, e terá unha vixencia de tres anos, salvo que antes se aprobe unha nova bolsa para a mesma categoría. A súa finalidade será atender necesidades temporais de contratación na biblioteca municipal, sen que a inclusión na listaxe supoña unha contratación inmediata.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello do Rosal, en orosal.sedelectronica.es, ou presencialmente no Rexistro Xeral municipal, de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. As bases completas da convocatoria, co temario, os requisitos e o modelo de solicitude, están dispoñibles no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica e no Portal de Transparencia do Concello do Rosal.

