O Concello modifica a ordenanza de furanchos e loureiros para ampliar a variedade das tapas que ofertan

adminON
Lectura mínima de 2

A modificación xurde do acordo acadado este verán entre o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña e os titulares dos furanchos.

A Concellaría está a tramitar a modificación puntual da ordenanza coa intención de que poida estar en vigor de cara á vindeira tempada.

O Concello de Pontevedra comezou a tramitar unha modificación puntual da Ordenanza de actividade de furanchos e loureiros para tratar de ampliar a variedade das tapas que ofertan cada tempada, e permitir aos titulares escoller cales queren ofrecer, até un máximo de cinco. Este foi o acordo que acadou o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña neste verán -rematada da tempada de furanchos- cos titulares que este ano abriron as súas portas no concello de Pontevedra.

O Concello xa iniciou a tramitación da modificación coa solicitude de distintos informes técnicos municipais e trabállase co horizonte de tela operativa na vindeira tempada. Os cambios serán os seguintes:
• Ampliarase o número de tapas permitidas e cada titular poderá escoller e ofrecer un máximo de 5 tapas. Esta escolla das tapas farase cada ano coincidindo coa renovación anual do distintivo de Furancho. Na actual ordenanza a listaxe de tapas son: táboa de embutidos-queixos, pementos, orella chourizo, zorza-raxo e tortilla de patacas. A esta listaxe sumarase: costela, ovos fritos, sardiñas ou xurelos á brasa, callos con garavanzos ou fabas, empanada ou empanadilla e croquetas.
• Modificar a contía mínima do seguro pasando de 300.000 euros a 90.000 euros.
• Modificar o distintivo actual que incluirá o novo logo municipal e uns datos mínimos como o ano, nome do furancho, persoa responsable e titular da actividade, tapas escollidas e data da renovación.
A modificación complétase coa modificación dos formularios da sede electrónica municipal relativos á ordenanza.

Comparte este artigo