O Concello recibe unha subvención de 7.000 euros para reforzar o servizo da Oficina de Turismo

Redacción

O Concello vén de recibir unha subvención de 7.000 euros da Deputación de Pontevedra destinada ao financiamento dos custos da prestación do servizo de información e atención ao público na Oficina de Turismo municipal, adherida á rede provincial Info Rías Baixas..

A axuda foi concedida no marco da convocatoria en réxime de concorrencia competitiva aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación Provincial e permitirá sufragar a contratación de persoal para a atención turística durante a presente anualidade.

Este é o terceiro ano consecutivo no que o Concello obtén esta subvención, desde a súa incorporación á rede provincial Info Rías Baixas, consolidando así un servizo de atención turística de calidade e reforzando a promoción do municipio como destino.

A concelleira de Cultura e Turismo, Silvia Cernadas, destacou a importancia desta achega para manter e mellorar a atención ás persoas visitantes. “Esta subvención permítenos contar con recursos para ofrecer un servizo profesional e próximo, fundamental especialmente nos meses de maior afluencia turística. A información e a atención ao visitante son a primeira imaxe que moitas persoas reciben do noso concello”, sinalou.

Cernadas tamén puxo en valor o feito de que o Concello reciba esta axuda por terceiro ano consecutivo. “É unha mostra do traballo realizado desde a nosa incorporación á rede Info Rías Baixas e do compromiso do Concello coa promoción turística. Seguiremos traballando para dar a coñecer o noso patrimonio, a nosa cultura, a nosa paisaxe e toda a oferta que fai do noso municipio un destino atractivo durante todo o ano”, concluíu..

Comparte este artigo