Foron preciso 13 anos de traballo e tramitacións para conquerir os preto de 30 informes sectoriais favorables que permiten aprobalo provisionalmente e envialo a Xunta
O documento final será informado no Consello Sectorial, pendurado na web municipal e entregado físicamente en cada parroquia en canto os técnicos o resolvan
“É unha noticia histórica para o municipio, moi agardada por toda a veciñanza porque, sen dúbida, implica unha garantía de futuro”, insiste o alcalde, Juan González, quen incide no 40% de vivenda protexida que se reserva nos novos desenvolvementos urbanos
Nigrán, 06/06/26.- O goberno de Nigrán levará a un pleno extraordinario o vindeiro mércores 1 de xullo a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Un fito histórico para o municipio que pechará máis dunha década de traballo e tramitación. Concretamente, desde a súa aprobación inicial no 2013 tiveron que pasar 10 anos para conquerir a totalidade dos 26 informes sectoriais favorables, sendo especialmente traballoso o da Axencia Galega de Infraestruturas ao ter eliminado este goberno municipal o vial que tronchaba Nigrán desde A Xunqueira ata Saiáns ou ter equilibrado a desigualdade urbanística entre a costa e as parroquias. Adicionalmente, desde xaneiro de 2024 ata agora estivéronse refundindo todas as correccións nun único documento con esta proposta definitiva a piques de estar lista e revisada 3 veces entre técnicos municipais e equipo redactor.
“É unha noticia histórica para o municipio, moi agardada por toda a veciñanza porque, sen dúbida, implica unha garantía de futuro”, insiste o alcalde, Juan González, quen incide no 40% de vivenda protexida que se reserva nos novos desenvolvementos urbanos. “Nigrán será un dos poucos municipios de Galicia en contar cun documento urbanístico aprobado e adaptado ao século XXI, e isto é o froito da cautela e o consenso entre as dúas administracións implicadas, Xunta e Concello”, recoñece.
En canto esta terceira revisión esté rematada o documento final será pendurado na web municipal e levado físicamente a cada entidade veciñal, ademais de convocarse un novo Consello Sectorial ao respecto para expoñelo públicamente e, finalmente, levalo ao pleno do 1 de xullo. “Non hai ningunha sorpresa porque o documento xa foi sometido a información pública e alegacións e presentado no 2023 en cada parroquia, ademais de dispor nese tempo dun servizo técnico específico no Concello para resolver dúbidas, agora simplemente estará actualizado con todas as incorreccións detectadas desde a Xunta, como facer referencia á píllara das dunas no seu hábitat ou escribir os códigos de identificación en determinados planos ou actualizar o documento conforme ao novo plan hidrolóxico”, exemplifica. Despois desta aprobación provisional, último paso que involucra ao Concello, a Xunta deberá responder en 3 meses e, no seu caso, publicar a aprobación definitiva que dá luz verde á súa entrada en vigor.
O PXOM destina a espazos libres ou zonas verdes 403.186 m² dos cales 181.384 m2 corresponden a superficie que se prevé obter; a equipamentos destínanse 277.034 m² (44.416 m2 sería novos); non se contemplan novas áreas empresariais e a capacidade residencial é de 5.758 novas vivendas das que se podería derivar unha oferta real de 3.988 (cifra que coincidiría practicamente coa demanda previsible de cara ao hourizonte 2039).
“Teremos un PXOM fiel ao noso lema ‘Nigrán, equilibrio natural’. Con este documento protexemos o noso patrimonio natural apostando por un crecemento sostible que preserve a nosa esencia ao tempo que se lle outorga á veciñanza unha garantía de futuro”, sinala González, quen indica que se traballou moito para corrixir totalmente a discriminación social e ambiental plantexada no 2010 e que supuña “o sobredesenvolvemento urbanístico na costa fronte as grandes limitacións nas parroquias do interior”.
Máis dunha década de traballo
A finais de 2010 o Concello de Nigrán iniciou a tramitación do PXOM co obxectivo de dar relevo ás normas subsidiarias de planeamento que rexen desde 1991 e que foron modificadas puntualmente, a derradeira de elas hai 6 anos por este goberno para axilizar a tramitación urbanística á veciñanza.
Na fase de exposición pública do ‘Avance do PXOM’ a cidadanía formulou 405 suxestións. A continuación, a aprobación inicial prodúxose o 14 de xuño de 2013 e no seu trámite de información pública durante o prazo de 2 meses recolléronse 1.397 alegacións respondidas unha a unha. “Desde 2013 ata agora o traballo non cesou en absoluto, todo o contrario. Non chegamos a este momento da nada, a importancia do documento e a súa propia seguridade xurídica implican un traballo minucioso”, explica González.

