- A Concellería de Urbanismo impulsa a tramitación urbanística necesaria para facer realidade unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza.
- O Plan Especial permitirá ordenar unha parcela de 4.955 metros cadrados na Devesa, incorporando melloras nos accesos, novas beirarrúas e oito prazas de aparcamento.
O Goberno municipal de Ponteareas continúa dando pasos firmes para facer realidade o futuro centro de día de Guláns. A través da Concellería de Urbanismo, o Executivo local impulsou a tramitación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), que vén de ser aprobado inicialmente e que permitirá avanzar na implantación deste equipamento social, chamado a mellorar a atención ás persoas maiores e a calidade de vida das familias da parroquia.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa satisfacción polo avance definitivo deste proxecto, sinalando que “a aprobación deste Plan Especial supón cumprir cunha débeda histórica e dar resposta a unha demanda fundamental dos veciños de Guláns”. “Queremos que os nosos maiores dispoñan dos mellores coidados sen ter que abandonar a súa contorna, e este centro de día será un piar clave para garantir o seu benestar e mellorar a calidade de vida das familias no noso rural”, destacou a rexedora.
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, destacou o impacto urbanístico da medida, pero quixo aclarar os motivos polos que este equipamento non se puido executar antes. “Se actualmente nos atopamos tramitando este instrumento de planeamento é porque o anterior goberno do BNG-PSOE aprobou un documento que non respondía en absoluto ás demandas e necesidades reais do noso municipio”, subliñou a concelleira. Fernández explicou que esta herdanza administrativa condicionou os tempos, destacando que “podiamos estar xa executando a obra sobre o terreo porque temos o diñeiro e o financiamento asegurado, pero a legalidade obríganos a tramitar e aprobar documentos técnicos como este PEID para poder facelo realidade”.
A actuación desenvolverase sobre unha parcela de titularidade municipal cunha superficie total de 4.955 metros cadrados situada no lugar da Devesa. Esta localización foi elixida estratexicamente ao atoparse nunha contorna que xa centraliza outros equipamentos públicos de referencia na parroquia, como son a escola de música, diversas instalacións deportivas e a casa da cultura, consolidando un importante núcleo de servizos comunitarios.
Máis aló da propia edificación do centro de día, o plan cualifica unha franxa de terreo como sistema local de viario público co obxectivo de ensanchar o acceso actual, construír novas beirarrúas e habilitar un total de 8 prazas de aparcamento, das cales unha estará plenamente adaptada para persoas con mobilidade reducida.
Silvia Fernández engadiu que, co paso dado, “non só habilitamos o uso asistencial do solo, senón que deseñamos unha integración harmónica co resto de equipamentos”. A mellora dos accesos, a construción de beirarrúas e as novas prazas de aparcamento adaptadas “garantirán unha contorna totalmente accesible, segura e cómoda para os usuarios do centro e para toda a veciñanza”.
Así mesmo, desde o Goberno local informouse de que se está a culminar o proceso de cesión gratuíta dos terreos por parte da Fundación Guláns ao Concello de Ponteareas. Para Silvia Fernández, este fito pon de manifesto que “é así exactamente como deben traballar as administracións públicas: en conxunto, remando na mesma dirección e en estreita colaboración coas asociacións e o tecido social”.
Tras obter previamente o visto bo ambiental por parte da Xunta de Galicia e superar os informes sectoriais preceptivos, a aprobación de hoxe na Comisión de Goberno supón o impulso definitivo para un proxecto que responde a unha histórica demanda veciñal en Guláns. O Concello reafirma así o seu compromiso coa ampliación da rede de recursos sociais e a mellora da calidade de vida dos seus maiores nas parroquias.

