– Os votos en contra de PP e BNG no pleno de febreiro tombaron o proxecto para o Museo Municipal que albergará a obra de Ángel Barros. A proposta do Goberno local era financialo con 466.000 euros de fondos propios e 700.000 de fondos europeos, que xa estaban aprobados, pero a oposición impediuno.
– O goberno de Digna Rivas, co obxectivo de sacar adiante este proxecto “prioritario” buscou como alternativa financiamento provincial. A alcaldesa lamenta que o bloqueo da oposición atrasara esta obra e impedise que o propio artista vise aprobado o financiamento do museo que custodiará o seu legado.
O Goberno local de Redondela anunciou hoxe aos colectivos culturais e á propia familia de Ángel Barros, que o Concello obtivo financiamento para a creación do Museo Municipal que albergará a obra do artista redondelán.
Os votos negativos dos grupos da oposición, PP e BNG, impediron sacar adiante no pleno de febreiro o proxecto cultural para a creación do agardado Museo que albergará a obra de Ángel Barros. A oposición tombou a proposta económica que recollía unha achega de 466.800 euros de fondos propios do Concello (o 40% do custo total) e o resto do investimento, ata acadar os 1.167.000 euros, con axudas da UE xa aprobadas. Ante este bloqueo plenario que facía perigar a obra e unha subvención europea histórica, o goberno local buscou unha alternativa, xa que se trata dun proxecto totalmente “prioritario” para o municipio. Digna Rivas anunciou que asumirá a execución do museo a través do programa bianual Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra, garantindo así que a dotación non quede paralizada. Con todo, dende o goberno lamentan que esta manobra da oposición supoña un atraso “totalmente innecesario” e obrigue a investir uns fondos provinciais “que poderían terse utilizado para cubrir outros proxectos para o municipio”.
A alcaldesa, Digna Rivas, lamentou o dano político e mailo custe emocional da negativa da oposición: “Amosan unha falta de compromiso absoluto coa cultura e o patrimonio redondelán, unha estratexia que atrasa a posta en marcha do que vai ser o primeiro museo da historia de Redondela”. A rexedora lamentou especialmente que a actitude de populares e nacionalistas impedise que o propio Ángel Barros vise aprobado o financiamento para o museo que albergará a súa obra.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que “paradoxicamente, o proxecto que non lle servía ao grupo municipal popular para investir os fondos propios do Concello, si lle serve á Deputación para financialo co plan provincial”.
Pola súa banda, a asociación Amigos de Ángel Barros e o colectivo cultural Alén Nós aplaudiron o anuncio do Concello “para facer realidade esta obra tan agardada” logo do revés que supuxo o bloqueo da oposición hai tres meses. Amosáronse satisfeitos coas xestións do Concello para buscar un financiamento alternativo e agradeceron tamén “o apoio de todas as persoas que asinaron o manifesto de apoio á construción do museo”.

