HomePontevedraBaixo MiñoO ilusionismo enche parroquias e prazas de Tomiño coa segunda edición de...

O ilusionismo enche parroquias e prazas de Tomiño coa segunda edición de Miñomáxico

- Anuncio -spot_img

Do 14 ao 22 de xuño, o II Festival Internacional de Maxia transformará Tomiño nun escenario cheo de espectáculos e sorpresas de balde para toda a familia

O ilusionismo desembarca en Tomiño por todo o alto. Parroquias, prazas e rúas tomiñesas converteranse novamente no centro de trucos e feitizos co II Festival Internacional de Maxia de Tomiño, que tras unha primeira edición inesquecible regresa con máis forza, ilusión e sorpresas para toda a familia. Organizado pola Asociación de Maxia do Baixo Miño – Miñomáxico en colaboración co Concello, durante tres días o municipio desfrutará dun amplo programa de balde con algúns dos mellores magos e magas do panorama nacional e internacional.

Do 14 ao 22 de xuño, o evento achegará espectáculos de rúa, galas, obradoiros e funcións cun cartel de grandes artistas do panorama nacional e internacional como o tomiñés Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España 3 e que presenta unha proposta chea de maxia moderna, fresca e xuvenil coa que sorprender ao público. Tamén participará Kateriana e Adrián Carratalá, dous ilusionistas que teñen conquistado escenarios de todo o mundo; Xulio Merino, un novo mago galego que está a revolucionar os escenarios da maxia de preto coa súa concepción desta disciplina; o Mago Pollo e a súa Magical Storytelling ou o Profesor Wocky.

A alcaldesa, Sandra González, destacou que “Miñomáxico converte a parroquias e prazas de Tomiño nun espazo de encontro, alegría e cultura, onde cada recuncho cobra vida a través do ilusionismo e a imaxinación”. A rexedora engadiu que dende o Concello continúa a aposta “por un modelo cultural inclusivo e descentralizado que chegue a todos os recunchos, tamén con este Festival de maxia, que estamos convencidas e convencidos de que unirá a xeracións arredor de espectáculos únicos”.

O festival comezará esta mesma fin de semana coa ‘Maxia nas parroquias’, dúas xornadas nas que estes expertos ilusionistas levarán as súas obras o sábado 14 ás 18.00 h a Figueiró e o domingo 15 ás 17.00 h a Amorín e ás 19.00 h a Hospital.

A maxia continuará do 20 ao 22 de xuño cunha morea de actividades, unha programación variada e emocionante deseñada para todos os públicos. O venres 20 despregarán a súa maxia a partir das 18.00 horas coa inauguración oficial do Festival ás 18.00 horas na Praza do Seixo para dar paso á ‘Maxia de preto’ no Mercado de Tomiño a partir das 20.00 horas con tres pases de 20 minutos cada un cos que vivir a maxia en primeira persoa, a escasos centímetros das e dos mellores magos.

O sábado 21 a xornada arrancará cun interesantísimo taller de ilusionismo no Mercado de Tomiño para nenas e nenos de 5 a 12 anos. Unha experiencia única para que a cativada poida mergullarse no misterioso mundo na maxia a partir das 11.00 h. Totalmente de balde as persoas interesadas xa poden inscribirse para participar nesta actividade.  

Tras o obradoiro, nova quenda de ‘Maxia de preto’ no mercado ás 12.30 h para dar paso pola tarde á ‘Maxia na Rúa’, que converterá as prazas tomiñesas en escenarios únicos con artistas que ofrecerán diferentes tipos de maxia. As primeiras citas serán ás 17.00 h na Praza da Mina e ás 19.00 h na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián. A xornada rematará por todo o alto coa Gala Unipersonal de Adrián Carratalá, mago creativo tres veces campión de España de maxia. Será ás 21.00 h no Auditorio de Goián.

O domingo 22 a fascinación continuará pola mañá ás 12.00 horas cun novo espectáculo na Praza do Seixo e ás 17.00 horas no Espazo Fortaleza de Goián. A festa da maxia rematará no auditorio municipal de Goián cunha Gala final no que magos do panorama nacional e internacional presentarán os mellores xogos de maxia nunha gala única e inesquecible. Ás 20.00 h con entrada de balde ata completar aforo.

Publicacións Relacionadas