O Mesón Bermaña proclámase gañador da histórica primeira edición da Ruta de Tapas de Caldas de Reis

Redacción
Lectura mínima de 4

 Ao longo da fin de semana despacháronse máis de 5.000 tapas entre os dez establecementos participantes dun certame que quere consolidarse con futuras edicións

 Bar Toque e Bar Sena completaron o podio, a través dos votos populares e do xurado profesional, nunha edición na que o Bar D’Toxos tivo tamén unha mención especial por contar coa tapa máis votada pola clientela

A Ruta de Tapas de Caldas de Reis non puido ter unha mellor estrea. Máis de 5.000 tapas foron repartidas nos dez establecementos que participaron nesta primeira edición dun evento organizado pola Asociación de Hostalería, en colaboración co Concello, e que aspira a consolidarse no tempo. O Mesón Bermaña foi o gañador desta cita, celebrada durante a pasada fin de semana, ao lograr a súa proposta a maior puntuación, combinada entre os votos do público (60%) e do xurado profesional (40%), integrado por Coque Fariña, Xoanqui Ameixeiras e Fran Jamardo. O segundo posto foi para o Bar Toque e completou o podio o Bar Sena. A Praza José Sesto Casal acolleu este martes o acto de entrega de galardóns, no que tamén houbo unha mención especial para o Bar D’Toxos, ao ser a súa tapa a que acadou un maior número de votos por parte dos e das clientas.

Os establecementos que tomaron parte nesta primeira cita culinaria foron Bar Torque, De Roxos, Nº2, Hotel Restaurante Sena, Hamburguesería La Burguer, Hotel Pousada Real, Restaurante Roquiño, Nuevo Varadoiro, Mesón Bermaña e O Encontro. Ademais destes premios, sorteáronse agasallos entre as persoas que consumiron as tapas e participaron nas votacións. Con cinco sellos entrábase no sorteo dun vale de 60 euros para gastar entre estes
establecementos. Quen optou por completar o ‘tour’ das dez tapas tivo a opción de conseguir dous abonos para a vindeira edición do Festival PortAmérica.
“Foron tres xornadas de gran dinamización para o sector”, asegurou o presidente da Asociación de Hostalería de Caldas de Reis, Jesús Fariña, que confirmou que a entidade xa a está a pensar na seguinte edición do certame, que terá lugar xa no ano 2027, e que seguirá incidindo na intención de desestacionalizar e atraer a visitantes á vila termal máis alá da tempada alta para o sector. O propio presidente da asociación, ademais do ‘chef’ Coque Fariña e do alcalde, Jacobo Pérez, foi o encargado de facer entrega dos diplomas acreditativos aos locais premiados. Pérez Gulín felicitou ao colectivo de hostaleiros polo éxito acadado e salientou que “Caldas de Reis viviu un ambiente espectacular durante toda a fin de semana. Temos constancia de que moita xente doutros concellos animáronse a probar as tapas, o que demostra a súa capacidade para atraer visitantes e consolidarse como motor económico de relevancai para o municipio”. O rexedor caldense reafirmou o compromiso do Concello a continuar traballando da man do sector, para seguir impulsando e consolidando iniciativas que “fagan medrar o noso concello, que, unha vez máis ,demostrou a súa capacidade para organizar eventos de calidade, que o consolidan como municipio de referencia do interior da provincia de Pontevedra”.

Jacobo Pérez louvou a calidade de todas as propostas presentadas e amosouse convencido de que esta primeira edición “é só o primeiro paso para consolidar este certame, no que confiamos que en futuras convocatorias conte con aínda máis participantes”.

Comparte este artigo