A falta de dous meses para que remate o ano o Meirande xa superou a barreira dos 10.000 visitantes. A día de hoxe son en total 10.399 as persoas que se achegaron este ano a coñecer as instalacións do Centro de Interpretación da Batalla de Rande, que depende da concellería de Turismo do Concello de Redondela. Soledad Chayán, guía turística encargada das visitas ao museo, sinala que o público que visita o centro “valora moito o entorno e tamén a forma en que está distribuída a exposición”. Quen máis desfruta da visita son as crianzas porque hai moitos elementos interactivos que poden tocar, pero tamén os adultos se sorprenden deste espazo museístico cuxa visita é de balde. Os cadros de Godoy son outro atractivo que acaparan a atención.
Chayán explica que a maioría dos visitantes proceden de Vigo e Redondela, e moitos tamén da comarca do Morrazo e Pontevedra. Nalgúns casos son familias con nenos e nenas que xa visitaron o Meirando co colexio “e queren volver para poder utilizar os elementos interactivos, e son eles mesmos os que lles contan aos adultos a historia da batalla e que son os distintos elementos que hai nas salas”. Noutras ocasións sorpréndennos visitantes de lugares máis afastados, “nas últimas semanas achegouse unha peregrina de Bolivia e unha familia de Alemaña”. Ademais de visitas escolares, tamén reciben no Meirande excursións organizadas por axencias de viaxes de Asturias, Castela e León e outras comunidades autónomas.
O espazo museístico acolle unha exposición permanente e gratuíta sobre os tesouros arqueolóxicos e culturais da Batalla de Rande de 1702, unha monumental contenda naval que enfrontou ás tropas anglo-holandesas e hispano-francesas no contexto da Guerra de Sucesión española. O museo tamén dá conta doutros fitos do patrimonio histórico e industrial da zona. De feito o Meirande sitúase no seo dunha antiga fábrica de salgadura de peixe, coñecida como “a fábrica do alemán”, da que se ten constancia polo menos desde o ano 1836, e as instalacións conservan parte da antiga maquinaria da fábrica.
Bote “Manuel”
Desde que a comezos de outubro se instalase no Meirando, o bote “Manuel” está a ser a estrela do museo. Logo de case un ano de traballos de restauración, a histórica embarcación preside a entrada do centro de interpretación da Batalla de Rande. O bote “Manuel” é unha embarcación tradicional da enseada de San Simón dos anos 30 do século pasado. O que o fai único é que este bote, ademais de ser utilizado para pesca, tamén abastecía de víveres e roupa á illa de San Simón cando foi prisión e logo como orfanato. Tamén tería un papel relevante durante a II Guerra Mundial salvando a refuxiados xudeus que chegaban á ría de Vigo. Este bote participou ademais na recuperación dos galeóns da batalla de Rande e colaborou na busca dos desaparecidos e rescate dos cadáveres en varios afundimentos. Xunto ao “Manuel” instalouse un panel informativo coa súa historia e todo o proceso de recuperación. O bote, propiedade de Faustino Otero, foi doado ao Concello pola Asociación Lagoa dos Bébedos, e a súa restauración correu a cargo do Obradoiro de Carpintería de ribeira do Concello de Redondela.