O evento deportivo, organizado polo Club Kickboxing Mos e o Concello do Porriño, reunirá a 16 deportistas galegos e ofrecerá oito combates de boxeo olímpico e neoprofesional
O Pavillón Municipal de Deportes do Porriño converterase este sábado, 14 de novembro, no centro de atención do boxeo galego coa celebración da velada Fight Night III. A cita deportiva, organizada conxuntamente polo Club Kickboxing Mos e o Concello do Porriño, conta coa autorización e supervisión da Federación Galega de Boxeo e o apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
O programa da noite inclúe un total de oito combates —catro de boxeo olímpico e tres de categoría neoprofesional— nos que participarán 16 boxeadores oficiais procedentes de diversos clubes de toda a comunidade. “Esta iniciativa ten como obxectivo principal promover o deporte de base e o boxeo olímpico na comarca da Louriña, fomentando valores como o respecto, a disciplina e a superación entre a mocidade, ao tempo que se dinamiza a actividade económica e comercial do municipio”, explican dende a organización.
“O boxeo olímpico e de base en Galicia ten unha saúde envidiable, e nós queremos que O Porriño siga sendo a gran casa do deporte galego, abrindo as portas de par en par a calquera disciplina que fomente a saúde, a integración e a paixón pola actividade física”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Horarios e desenvolvemento da xornada
A apertura de portas para o público xeral terá lugar ás 19:00 horas, mentres que o inicio dos combates está programado para as 19:30 horas. O evento prolongarase ata as 23:00 horas aproximadamente, contando con todas as medidas de seguridade, control de accesos e asistencia médica de soporte vital avanzado no recinto.
Venda de entradas
O acceso ao pavillón regularase mediante unha entrada-donativo destinada a financiar os custos de organización do evento. Os prezos e modalidades oscilan entre os 13 e s 17 euros. Os puntos oficiais de venda anticipada xa están habilitados en CKM Combat (Mos), Spartan Team (Goián) e Safari (O Porriño).

