O Río Miño é unha das grandes referencias naturais, culturais e económicas de Galicia. O seu Treito Internacional, que marca a fronteira con Portugal, posúe un extraordinario valor ambiental, patrimonial e socioeconómico para os concellos da súa contorna.
Entre os principais retos aos que se enfrenta o Río Miño destacan:
- O impacto das oscilacións bruscas do caudal no ecosistema e na fauna piscícola.
- A proliferación de especies exóticas invasoras.
- A sedimentación do leito fluvial e a falta de dragaxe.
- As dificultades para a navegación e o transporte de pasaxeiros.
- A necesidade de actualizar a normativa aplicable.
- A dificultade para cumprir coa normativa de xestión da biomasa nas marxes do río.
- A falta de protección e conservación das “pesqueiras” tradicionais.
- Ante todo isto os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados solicitaron fai máis dun ano unha reunión coa ministra para tratar estas cuestión. Ante a ausencia de resposta o Pleno da corporación do Concello de Salvaterra de Miño ven de aprobar unha moción reiterando a solicitude de reunión coa ministra e ao mesmo tempo reclamar que no marco das súas competencias que analice o cumprimento do caudal ecolóxico e os efectos das oscilacións bruscas no ecosistema e na fauna piscícola fluvial; aborde, en colaboración con outras administracións e coas autoridades portuguesas, un plan de prevención e control das especies exóticas e invasoras; promova a dragaxe ambientalmente sostible do treito internacional do río para garantir a súa navegabilidade e seguridade; facilite aos concellos e particulares o cumprimento da normativa sobre xestión da biomasa nas marxes do río; actualice o regulamento de navegación no Río Miño adaptándoo ás novas necesidades recreativas e deportivas; reforce a inspección e control das embarcacións destinadas ao transporte de pasaxeiros esixindo o cumprimento das garantías legais, fiscais e de seguridade; e reforce a protección estrutural e patrimonial das “pesqueiras”, elementos singulares do noso patrimonio fluvial e cultural.