O Porriño presenta un novo código QR para chegar a progamación municipal a veciños e visitantes

Redacción
  • A ferramenta, presentada hoxe xunto a comerciantes e hostaleiros do municipio, permitirá consultar en tempo real toda a actividade cultural, deportiva, turística e de lecer que se desenvolve no concello

O Concello do Porriño presentou hoxe un novo código QR informativo destinado a facilitar o acceso á programación municipal tanto a veciños como a visitantes e peregrinos. A iniciativa foi dada a coñecer nun encontro celebrado na Sala de Comunicación do Concello no que participaron representantes do sector comercial e hostaleiro do municipio, que ademais recibiron os códigos para a súa instalación nos seus establecementos.

A través desta ferramenta dixital, calquera persoa poderá acceder desde o seu teléfono móbil á programación actualizada das actividades que se celebren no concello, incluíndo eventos culturais, turísticos, deportivos, gastronómicos, comerciais e de lecer.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “seguimos traballando para facer do Porriño un municipio máis accesible, moderno e conectado. Queremos que quen nos visite poida descubrir facilmente todo o que acontece aquí e aproveitar ao máximo a súa estancia no noso concello, pero tamén que a veciñanza participe en todas as nosas actividades”.

O rexedor subliñou ademais a importancia da colaboración co tecido empresarial local, sinalando que “os comerciantes e hostaleiros son os mellores embaixadores do Porriño. A súa implicación neste proxecto é fundamental para que a información chegue a máis persoas e para ofrecer unha mellor experiencia a quen nos visita”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, explicou que o novo sistema permitirá manter a información permanentemente actualizada, ofrecendo unha canle directa e sinxela para coñecer toda a actividade municipal. “O Porriño conta cunha programación moi dinámica ao longo de todo o ano e queremos que veciños e visitantes poidan coñecela en tempo real. Cun simple escaneo do código QR terán acceso inmediato a toda a información e non perderán ningunha actividade que se estea a celebrar no noso concello”, indicou.

Os códigos QR estarán dispoñibles en establecementos hostaleiros, comercios, aloxamentos turísticos e outros puntos estratéxicos do municipio, facilitando o acceso á información desde os lugares que habitualmente frecuentan visitantes e peregrinos.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reforza a súa aposta pola innovación e a dixitalización como ferramentas ao servizo da promoción turística e da dinamización da vida social, cultural e económica do municipio, permitindo que toda a programación municipal estea ao alcance da man os 365 días do ano.

Comparte este artigo