O Porriño repasa máis de medio século de historia durante a Gala dos Premios Palacios

Redacción
  • A homenaxe da Dora Carrera, coa presencia dos seus fillos, emocionou ao auditorio ao aire libre no que se converteu a Plaza Antonio Palacios
  • Durante toda a xornada desenvolveuse tamén o Premio de Pintura Rápida con 40 participantes

A Gala dos Premios Antonio Palacios emocionou este sábado o público congregado fronte ao concello. En especial a historia de Adoración Carrera, Dora. Unha historia de superación, loita e coraxe que se plasmaba nesta gala nun discurso froito de horas de conversas con ela, conversas sobre o seu fillo, Esteban, que caeu na droga con só 14 anos, e do labor que ela fixo para desestigmatizar a situación dos drogodependentes xunto con outras nais: as manifestacións, as reunións con xuíces e fiscais, as visitas ao cárcere, a entrada do Pazo Baión… A súa familia recolleu o Premio de Honra cunha fonda emoción.

“O Porriño e Galicia enteira téñenlle unha débeda impagable a Dora e a todas as nais que, coma ela, romperon silencios, sinalaron os culpables e abriron as portas do Pazo de Baión”, asegurou no seu discurso o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacado que sempre terá un lugar de honra no municipio.

O acto foi en realidade unha emocionante viaxe no tempo polas distintas décadas do século XX e XXI do Porriño. Dora, falecida este mesmo ano, remataba esta viaxe que arrincaba nos anos 40 para premiar unha tradición única que superou xa os 80 anos de historia dende o seu nacemento en 1944 na Rúa Xogo da Ola, xusto fronte ao Bar Celtiña. Sobre o escenario lembráronse os nomes dalgúns dos primeiros xogadores: Suso Celtiña, Saro, Carrera, Jandro Revello, Roscas, Juan Cambote, Pepe da Vía, Rique, Rocha, Basilio ou Lino, e tamén a muller que máis tempo exerceu como madriña: Pura Leitiña. Xunto a ela, algúns dos que actualmente manteñen viva esa tradición subiron ao escenario. Unha tradición colectiva que hoxe segue viva grazas ao relevo das novas xeracións e a colaboración aínda de Mari no Celtiña e o propio Concello.

A gala trasladouse aos anos 60 para recoñecer a traxectoria de CEAMSA (Compañía Española de Algas Marinas S.A.), o xérmolo do gran polígono industrial das Gándaras. A compañía forxouse grazas á mente de Ignacio Alzueta, un emprendedor e visionario donostiarra que soubo ver nas algas “o ouro do mar” e viaxou polo mundo ata dar coa fórmula para procesalas de cara á alimentación humana, elixindo O Porriño como punto estratéxico de conexión atlántica.

Actualmente é un xigante global punteiro en investigación que exporta a máis de cen países, conta con planta en Filipinas e atópase en plena expansión nas Gándaras sen perder a súa alma familiar.

A Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais, fundada en 1984, foi galardoada polos seus máis de 40 anos de historia como alicerce fundamental do activismo local e a sororidade. O colectivo rompeu barreiras nunha época complexa na que as mulleres non adoitaban viaxar soas, converténdose nunha rede indispensable para a formación, o lecer e a loita contra a violencia de xénero.

Ao longo do tempo, a asociación demostrou a súa capacidade de mobilización e presión institucional en fitos históricos como a recollida de sinaturas contra a empacadora ou para eliminar o vertedoiro de Cataboi. A súa actual presidenta, Rosa, recalcou a independencia política do grupo para acadar melloras básicas na vila (como citoloxías ou dentista no centro de saúde). Lembráronse tamén as primeiras directivas —Sita Giráldez, Mari Leal, Camilla Fontán ou Moncha Bastos— e a súa enorme pegada cultural no Porriño: as festas na Risca, as comparsas de Entroido, a confección dos traxes dos Reis Magos e as tradicionais alfombras florais do Corpus. Este premio foi entregado por Ana Ortiz, delegada da Xunta de Galicia.

O pai do futbolista Gabri Veiga, Juan Veiga, foi o encargado de recibir o premio ao Deporte tras excusar a presenza do seu fillo, actual campión de liga co Porto F.C. que se atopa nestes momentos de lúa de mel, tras o seu recente casamento. Durante o acto repasáronse os seus éxitos deportivos, pero tamén as anécdotas de cando era neno.

“Hoxe entregamos os premios que levan o nome do noso arquitecto máis universal, Antonio Palacios, a persoas e entidades que, coma el, fixeron grandes cousas desde, para ou por este pobo. Persoas que traspasaron fronteiras, que conservaron as nosas tradicións, que loitaron pola nosa xente, que nutriron o noso tecido industrial ou que nos fixeron vibrar cos seus logros”, asegurou o alcalde.

Concurso de Pintura rápida

Foi unha xornada enteiramente dedicada a Palacios, xa que durante todo o sábado varias decenas de persoas, grandes e cativas, estiveron participando no certame de Pintura Rápida Pintando a Palacios. De novo o Concello, a fonte do Cristo, a botica ou o templete foron os protagonistas destas obras que redimensionan a figura de Palacios sobre o lenzo.

Comparte este artigo