O Porto de Cesantes acolle este domingo a XLI Bandeira concello de Redondela da Liga Galega de Traiñeiras

Redacción

O Concello de Redondela e o CCD Cesantes presentaron esta tarde a regata, unha das citas con máis historia e prestixio do calendario galego de traiñeiras. As cambiantes condicións do vento na enseada de San Simón fan desta proba unha das máis esixentes e imprevisibles do calendario.

O vindeiro domingo 2 de agosto, a partir das 10:00 horas, o Porto de Cesantes converterase na capital do remo galego coa celebración da XLI Bandeira Concello de Redondela, proba puntuable para a Liga Galega A de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia 2026.

O Concello de Redondela e o Círculo Cultural Deportivo de Cesantes, organizador da regata, presentaron eta tarde a regata no peirao de Cesantes, coa participación do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro e a tenente de Alcaldesa, Rita Pérez, xunto a Jorge Crespo e Diego González, da directiva do CCD Cesantes. Trátase dunha das regatas con máis historia e prestixio do calendario galego de traiñeiras. Nesta edición participarán todos os clubs que integran a Liga Galega A de Traiñeiras, ofrecendo un espectáculo deportivo do máis alto nivel nun escenario privilexiado como é a enseada de San Simón.

A Bandeira Concello de Redondela, que alcanza a súa 41ª edición, consolidouse como unha referencia dentro do remo galego, atraendo cada ano a milleiros de afeccionados e contribuíndo á promoción deportiva, turística e cultural do municipio.

O campo de regatas de Cesantes é coñecido no mundo do remo por ser un dos máis esixentes e imprevisibles de Galicia. As cambiantes condicións do vento poden modificar o desenvolvemento da competición en poucos minutos, facendo que a estratexia e a capacidade de adaptación das tripulacións sexan tan importantes como a forza sobre os remos. Esta circunstancia converte cada edición da Bandeira Concello de Redondela nunha proba especialmente atractiva tanto para os deportistas como para os afeccionados.

Desde o Concello e o CCD Cesantes animan á veciñanza e aos afeccionados ao remo a asistir ao Porto de Cesantes para gozar dunha xornada na que volverán darse cita o deporte, a tradición mariñeira e o mellor ambiente.
Datos da proba
• Data: Domingo, 2 de agosto de 2026.
• Hora de inicio: 10:00 horas.
• Lugar: Porto de Cesantes (Redondela).
• Competición: XLI Bandeira Concello de Redondela.
• Campionato: Liga Galega A de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia 2026.

Comparte este artigo