O PP aproba o maior gasto da historia en externalización de servizos: máis de 1,8 millóns de euros

adminON
Lectura mínima de 3

O goberno do PP de Baiona ven de aprobar 11,2 millóns de euros de orzamento municipal  para este ano 2024. Un incremento do 6% con respecto ao do ano anterior, o que  significa que o actual goberno dispón de 438.000 € máis. Isto xunto ao grande descenso  do custe da enerxía, que pasa de máis de 1 millón de euros do 2023 a 735.000 para este  curso, supoñen 273.000 € menos de gasto. Polo tanto, en xeral, pódese concluír que o  actual goberno ten 711.000 € máis de músculo financeiro que o goberno anterior. 

O BNG sinala que a pesares de dispoñer de máis recursos, o PP, elimina as partidas do  Fondo galego de cooperación local (2.000 €), convenio coa Asociación Española Contra  o Cancro (2.000 €), convenio con AFAGA (2.000 €) e diversos convenios con clubs  deportivos como os de bolos celta (8.000 €). Un total de 14.000 €, que supuñan tan so un  0,13 % do orzamento, que se eliminan do gasto social.  

Por outro lado, o informe do departamento de intervención segue a incidir na eiva  lexislativa que arrastramos dende fai anos de non contar cunha Relación de Postos de  Traballo e a asunción de competencias impropias para o concello como a achega ao  transporte interurbano de viaxeiros. A nivel fiscal sinala un remanente de tesourería de  1,4 millóns de euros, desmontando, de facto, o reiterativo discurso do goberno do PP de  que non hai cartos. 

De igual xeito, o propio informe sinala unha serie de defectos técnicos de xestión a  corrixir. Así reitérase a necesidade de que os importes que se cobren pola realización  de actividades deportivas ou culturais teñan o seu sustento legal ou a necesidade de  licitar aquelas subministracións cuxo importe anual excede amplamente do límite  establecido para o contrato menor. Tamén, no que respecta ao capítulo de persoal, o  informe apunta a deficiencias como prazas de funcionario ocupadas por persoal laboral  ou que existen aínda no Concello persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial.  

O BNG votou en contra destes orzamentos porque, a parte de todo o anterior, consideran  como moi preocupante o excesivo incremento tanto na partida de propaganda que  aumenta máis dun 40% chegando a 83.000 €, como en externalización de servizos de  traballos realizados por outras empresas que supón un gasto de máis de 1,8 millóns de  euros. Un gasto récord dun PP que se amosaba moi preocupado por este gasto cando  estaba na oposición e agora convértese no campión da privatización de servizos.

Comparte este artigo