O PP critica a falta de previsión e información no peche e traslado do parque infantil de Campolongo na obra do Gafos

Redacción

• Raquel Martínez denuncia que as familias se atoparon “dun día para outro e sen aviso previo” cun dos principais espazos de xogo na cidade pechado

• Os populares mostran tamén a súa preocupación polo estado dos accesos aos centros educativos da zona ante a chegada do outono e as choivas

O Partido Popular de Pontevedra denunciou unha vez máis a falta de previsión e información do goberno de Lores na xestión das obras do Gafos, despois do peche do parque infantil de Campolongo sen comunicación previa ás familias.

A concelleira popular Raquel Martínez criticou que “as familias de Campolongo atopáronse, dun día para outro e sen aviso previo, co parque infantil pechado, sendo este uns dos principais espazos de xogo na cidade”.

“Se o peche era necesario, o mínimo era planificalo, informar previamente e ofrecer unha alternativa”, engadiu Martínez.

Desde o Grupo Municipal do Partido Popular consideran que existe unha evidente falta de planificación nesta actuación, que está a repercutir directamente nos nenos e nas familias de Pontevedra. Neste sentido, os populares reclaman coñecer cal é o prazo previsto para a reapertura do parque e por que non se informou previamente do seu peche.

O PP mostra ademais o seu descontento e preocupación polo estado dos accesos aos centros educativos situados na contorna das obras. Os populares lembran que Lores prometera en xullo que esta zona, nas entradas do EEI Concepción Crespo Rivas e CEP Campolongo, estaría practicamente rematada para o inicio do curso, algo que, segundo denuncian, aínda non se produciu.

“Un mes despois, esa promesa segue sen cumprirse e afrontamos o outono e as choivas cunha situación claramente mellorable”, sinalou a edil popular.

Por iso, o Grupo Municipal reclama ao goberno local que concrete que actuacións vai levar a cabo para garantir uns accesos adecuados e seguros aso centros educativos durante os próximos meses.

A concelleira popular tamén lembrou a preocupación do seu grupo pola xestión económica desta actuación. “Estamos, ademais, ante unha obra para a que o goberno municipal do BNG perdeu 2,2 millóns de euros de fondos europeos, unha mala xestión que finalmente acabamos pagando todos os pontevedreses”, afirmou.

“Non estamos dispostos a que unha obra que debería executarse sen custo para os petos dos veciños de Pontevedra, e que finalmente teremos que pagar con cartos de todos pola mala xestión de Lores e Mosquera, acabe converténdose noutra actuación marcada polas molestias, as criticas e un mal resultado”, advertiu Martínez.

Os populares expoñen así varias cuestións ao goberno municipal de Miguel Anxo Fernández Lores: cando está prevista a reapertura do parque infantil, por que non se informou con antelación ás familias e que medidas se van a adoptar para mellorar o estado da contorna e dos accesos aos colexios de cara ao outono e inverno.

“Desde o Partido Popular témolo claro: as obras hai que facelas, pero hai que facelas ben, con panificación, con transparencia e pensando tamén nos nenos e nas familias de Pontevedra”, concluíu Raquel Martínez.

Comparte este artigo