HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra denuncia a improvisación do BNG ao recolocar os...

O PP de Pontevedra denuncia a improvisación do BNG ao recolocar os vehículos da Policía Local a 450 metros da comisaría durante o Multisport

- Anuncio -spot_img

• Os populares solicitaron información sobre a decisión adoptada polo goberno local antes de esixir “que se busque un lugar alternativo para garantir unha capacidade de reacción inmediata e eficaz” en caso de ser requirida

• Pardo presenta unha moción no Senado para esixir a creación urxente da UPR en Pontevedra, a construción das novas comisarías pendentes e a elaboración dun Plan Nacional de Seguridade dedicado á loita contra a violencia das bandas xuvenís

O Partido Popular de Pontevedra denunciou a “improvisación” do goberno local do BNG ao recolocar os vehículos patrulla da Policía Local a unha distancia de 450 metros das dependencias policiais durante a celebración do evento deportivo Multisport 2025.

A concelleira popular Pepa Pardo presentou no rexistro municipal do Concello de Pontevedra un escrito para solicitar toda a información. En primeiro lugar, saber se a decisión adoptada baséase nalgún tipo de informe ou estudo e, en segundo termo, se se avaliou como afectará este traslado á capacidade de resposta ante calquera emerxencia. “A medida retardará, como é lóxico e evidente, a pronta resposta policial ante un incidente ou unha actuación imprevista á que teñan que acudir. O que non se pode facer é deixar desprotexida á nosa cidadanía”, expresou.

Por iso, o PP de Pontevedra esixiu que se busque un lugar alternativo para poder situar os vehículos patrulla da Policía Local e garantir así unha capacidade de reacción eficaz e inmediata, en caso de ser requirida.

En relación aos problemas de seguridade cidadá, a tamén senadora rexistrou na Comisión de Interior do Senado unha moción para esixir a creación urxente da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) na cidade de Pontevedra, e a mellora das dependencias da Policía Local e Nacional coa construción das novas comisarías.

Ademais, ante a preocupación pola existencia de bandas xuvenís, como as que protagonizaron a pelexa a navalladas da Praza de Barcelos, demandou a elaboración dun Plan Nacional de Seguridade dedicado á implementación de novas medidas para a loita contra a violencia das denominadas bandas xuvenís e o aumento do número de axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, destinados a mellorar e garantir a seguridade cidadá e implementar medidas de vixilancia sobre o uso de redes sociais para previr a captación doutros mozos.

Pardo concluíu a súa intervención cunha mensaxe dirixida ao alcalde de Pontevedra, #Miguel Anxo Fernández Lores: “Lores toma decisións improvisadas que prexudican á Policía Local e que afectan á seguridade cidadá. Desde o PP pedímoslle que exerza, dunha vez por todas, como rexedor de todos os pontevedreses e garanta a capacidade de reacción dos axentes municipais”.

Publicacións Relacionadas