O PP de Pontevedra denuncia o abandono do barrio de Fontesanta

Redacción

• Os populares esixen cumprir o acordo plenario, alcanzado en xullo de 2022, e que “o alcalde mantén gardado nun caixón do seu despacho”

• Silvia Junco denuncia que “a día de hoxe, todo segue igual ou peor” pola falta de mobiliario urbano, de sinalización, de iluminación ou de limpeza

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco denunciou o “abandono” ao que o Goberno local ten sometido aos veciños e veciñas do barrio residencial de Fontesanta.

Junco lembrou que hai catro anos, no pleno ordinario de xullo de 2022, aprobouse unha moción do Partido Popular na que se esixía a posta en marcha dun plan de mantemento integral do barrio. Un acordo unánime dos tres grupos da corporación municipal – PP, BNG e PSOE – que, como tantos outros, “mantense gardado nun caixón do despacho do alcalde en Michelena 30”, lamentou.

A edil do PP asegurou que “a día de hoxe, todo segue igual ou peor” en referencia aos problemas que se agudizan pola falta de mobiliario urbano, os problemas de sinalización, de iluminación, de seguridade, a necesidade de reforzar a limpeza urbana e o incremento da recollida do lixo, pódaa de árbores, o mantemento e reposición das zonas verdes, o control de verteduras ou a recuperación das canchas de tenis para que estean ao dispor da cidadanía.

Desde o PP de Pontevedra hanse mantido varios encontros durante o mandato actual cos veciños e veciñas do barrio para facer un seguimento da situación e explicarlles a “absoluta falta de vontade política do BNG” que, xa no ano 2022, cambiara o sentido do seu voto en contra, da comisión informativa, por un a favor, na sesión ordinaria, pola presenza dos afectados no salón de plenos.

Catro anos despois, as necesidades seguen sendo as mesmas porque o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, “acostuma incumprir a súa palabra, deixando patente a súa falta de respecto aos pontevedreses e ás pontevedresas”, lamentou.

“Desde o Partido Popular seguiremos ao lado dos veciños e das veciñas de Fontesanta, solicitando medidas urxentes de mantemento e de mellora para este barrio”, concluíu Junco.

Comparte este artigo