O PP de Pontevedra emenda a totalidade do orzamento municipal e denuncia unha baixada das partidas destinadas a seguridade cidadá e instalacións deportivas

adminON
Lectura mínima de 5

• O PP de Pontevedra votará en contra dunhas contas que se esquecen dos servizos sociais, o deporte de base, a Policía e os Bombeiros, o conflito cos traballadores públicos, a reordenación do tráfico, os barrios e as parroquias

• Domínguez: “Fronte ao estancamento do BNG e a submisión do PSOE, o PP defende un modelo de cidade máis ambicioso, máis seguro, máis solidario e con máis oportunidades de crecemento”

O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou a presentación dunha emenda á totalidade aos orzamentos do Goberno local para o 2025 ao denunciar que as contas propostas “son prexudiciais para a cidade, insolidarias cos pontevedreses e cronifican os problemas que arrastra o Concello ao baixar partidas, tan importantes, como as destinadas a mellorar a seguridade cidadá ou as instalacións deportivas”.

Un dos aspectos do proxecto orzamentario que máis preocupa ao líder da oposición é a falta de investimento en servizos sociais, mantendo a Pontevedra como a capital de provincia española que menos apoia aos colectivos máis vulnerables. “É inaceptable que o BNG non reforce considerablemente a axuda a quen máis o necesitan”, afirmou.

Relacionado co compromiso social, sinalou outro dos grandes déficits do documento como é a falta de investimento en seguridade e orde público, a pesar do aumento dos índices de criminalidade, relacionados con furtos e agresións. “Lores decidiu reducir a partida de seguridade cidadá en 130.000 euros, deixando á Policía Local con menos recursos e dificultando, aínda máis, a capacidade de garantir unha contorna segura para os cidadáns”.

Así mesmo, demandou máis investimento na partida destinada aos axentes municipais, ao corpo de bombeiros e urxiu unha negociación real cos representantes dos traballadores do Concello.

Outro dos puntos que, ao seu xuízo, evidencia a falta de planificación do Goberno local é a “drástica redución” na partida de mobilidade e ordenación do tráfico, que cae un 40 por cento. “Tampouco hai planificación para aliviar a falta de estacionamento, a pesar das nosas propostas para crear aparcamentos disuasorios, e os veciños seguen padecendo a súa actitude intransixente co peche de Raíña Victoria”, engadiu.

Un dos recortes que máis criticou foi o que afecta o deporte: “O investimento en instalacións deportivas redúcese en case un 50 por cento, o que condena aos clubs e aos deportistas locais a adestrar en infraestruturas cada vez máis deterioradas, ademais de escasas. Lores está a demostrar a falta de compromiso do BNG co deporte basee”, reprochou.

A situación nos barrios e parroquias tamén é “alarmante” con pavimentos en mal estado, falta de limpeza e ausencia de investimentos. Do mesmo xeito que reduce o financiamento da partida relacionada co medio ambiente.

En definitiva, o xefe do PP manifestou que as contas presentadas polo BNG, co apoio dun PSOE “submiso” e que deberá explicar “que recibe a cambio do seu voto favorable”, son unha “oportunidade perdida para modernizar Pontevedra e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes”.

Coa presentación desta emenda á totalidade do orzamento para 2025, Domínguez quixo esixir máis investimento en servizos sociais para garantir o benestar dos máis vulnerables; reforzar a seguridade cidadá, con máis recursos para a Policía Local e os Bombeiros; un plan de tráfico eficaz, con aparcamentos disuasorios e a reapertura de Raíña Victoria; maior investimento en instalacións deportivas, promovendo o deporte basee e asegurando infraestruturas de calidade; un programa de mellora de barrios e parroquias; e unha redución da carga fiscal, aliviando a presión impositiva sobre os cidadáns.

Neste contexto, “desde o partido máis votado non podemos apoiar unhas contas que condenan a Pontevedra a seguir no estancamento actual. Fronte ao inmobilismo do BNG e a submisión do PSOE, o PP seguirá defendendo un modelo de cidade máis ambicioso, máis seguro, máis solidario e con máis oportunidades de crecemento”, concluíu.

Comparte este artigo