• Domínguez e Pardo urxen “a creación da nova Comisaría Provincial, a mellora das instalacións actuais, a UPR, persoal especializado e a imprescindible actualización do catálogo de postos de traballo, que se atopa completamente desfasado”
• Os representantes da formación política comparten cos axentes a súa preocupación polos problemas de convivencia cidadá e sinalan que “o máis urxente e necesario é o reforzo dos servizos sociais, como denunciamos en múltiples ocasións”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira popular Pepa Pardo recibiron aos representantes sindicais da Policía Nacional (CEP, SUP e JUPOL) na sede local da formación co obxectivo de escoitar e atender as súas demandas, así como agradecerlles publicamente o seu gran servizo e reiterarlles o seu apoio, como xa fixeran, a través do comisario xefe provincial, cando varios axentes foron agredidos na rúa Loureiro Crespo mentres desempeñaban as súas funcións policiais.
Os populares abordaron cuestións fundamentais para a Policía Nacional como a necesidade urxente de “crear unha nova Comisaría Provincial no solar da Casa do Mar de Mollabao, a mellora das condicións nas que os axentes prestan servizo nas instalacións actuais e a imprescindible actualización do catálogo de postos de traballo, que se atopa completamente desfasado”, explicou Pardo.
Así mesmo, reivindicou a necesidade de que os corpos de seguridade conten cos recursos e medios materiais adecuados para poder desenvolver o seu labor profesional. A Comisaría actual carece de Unidade de Prevención e Reacción (UPR) e urxe dotala de máis persoal especializado, con formación específica, polo aumento dos delitos relacionados coas novas tecnoloxías. Outra das grandes preocupacións dos axentes está relacionada co aumento dos narcopisos na cidade e o aumento dos roubos.
Neste sentido, o xefe do PP e o seu número dous aproveitaron o encontro para trasladar aos representantes policiais a súa preocupación polos problemas de convivencia cidadá. A edil popular ha afirmado que “o máis urxente e prioritario é reforzar os servizos sociais, como denunciamos en múltiples ocasións. O Concello de Pontevedra, ademais de gañar o premio ‘Corazón de Pedra’, é unha das tres capitais de provincia que menos inviste neste ámbito de toda España. O Goberno local non pode seguir mirando cara a outro lado nun tema tan sensible”.
O partido de Domínguez solicitou ao alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores que convoque de forma inmediata a Xunta Local de Seguridade para mellorar a coordinación coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que incremente as patrullas a pé da Policía Local, que cubra as prazas vacantes de axentes municipais e que dote ao corpo dos medios necesarios para prestar un servizo de maior eficacia.
“Desde o PP non imos consentir que se cronifique un problema que afecta á tranquilidade e benestar dos cidadáns. A seguridade en Pontevedra non pode seguir esperando. É hora de actuar despois de varias agresións”, concluíu a popular.