HomePontevedraPontevedraO PP de Pontevedra esixe itinerarios seguros para os peóns en Pedra...

O PP de Pontevedra esixe itinerarios seguros para os peóns en Pedra do Lagarto e Campo Santo

- Anuncio -spot_img
  • Domínguez e Rey apoian aos veciños que se desprazan a pé pola estrada Pedra do Lagarto, onde a circulación de vehículos pesados representa un risco evidente pola falta dun itinerario seguro para os peóns
  • Os populares instan ao BNG a garantir a accesibilidade universal na rúa Campo Santo, completando as beirarrúas que limitan a mobilidade diaria de todas as persoas que acceden aos equipamentos fundamentais da Parda

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira Bea Rey demandan poñer fin aos problemas de seguridade viaria e accesibilidade da rúa Pedra do Lagarto, que conecta o barrio da Parda coa parroquia de Marcón.

“Dende a apertura da glorieta da Ronda Leste en 2019, o tráfico rodado aumentou notablemente, incluída a circulación de vehículos pesados como autobuses, ambulancias ou camións que supoñen un risco evidente para a seguridade dos viandantes que se desprazan a pé pola estrada, ante a ausencia dun itinerario seguro para os peóns”, manifestou a edil do PP antes de anunciar que presentarán unha moción para instar ao Concello de Pontevedra a mellorar a seguridade peonil da rúa pontevedresa, dende Pintor Lixeiro ata a nova rotonda.

Por outra banda, os populares demandan ao goberno local do BNG que acometa as actuacións necesarias para garantir a accesibilidade universal da rúa Campo Santo, completando os tramos da beirarrúa que faltan e garantindo así o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade viaria.

“A altura das beirarrúas e a ausencia dun itinerario peonil continuo, con tramos polo asfalto, limita a mobilidade diaria de todas as persoas que acceden por esta vía aos equipamentos fundamentais da Parda como o centro de saúde, a escola infantil, o conservatorio, o cemiterio ou o tanatorio. Menos palabras e máis feitos”, expresou a concelleira.

O PP de Pontevedra expresou o seu apoio aos centos de veciños e veciñas afectadas pola ausencia de planificación por parte do Concello de Pontevedra que, en contra das necesidades dun dos barrios da cidade que experimentou un maior crecemento tanto no número de vivendas como de servizos básicos, non garante unha mobilidade segura e accesible nestas dúas rúas do ámbito urbano.

Publicacións Relacionadas