O PP de Pontevedra esixe no Congreso solucións inmediatas ante as graves deficiencias de cobertura móbil e internet que sofren os municipios de Agolada e Rodeiro

Redacción
  • Os deputados nacionais, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Bayón, rexistraron unha iniciativa para que o Goberno dea as explicacións oportunas, xa que os datos oficiais reflicten o grave atraso dixital que sofren ambos concellos.
  • En Rodeiro a cobertura de fibra apenas acada o 48,45% das vivendas, mentres que en Agolada, a fibra óptica só chega actualmente ao 39,97% dos fogares.
  • Os populares cualifican de “inadmisible” que o Ministerio, como administración competente en telecomunicacións, manteña a estes veciños nunha situación de clara desvantaxe respecto a outros territorios do país, polo que reclaman unha actuación institucional inmediata.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular por Pontevedra, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Andrés Bayón, rexistraron unha pregunta no Congreso dos Deputados para esixir ao Goberno de España solucións inmediatas ante as graves deficiencias de cobertura móbil e internet que sofren os municipios de Agolada e Rodeiro.

Os populares instan ao Executivo central a intervir con urxencia tras comprobar que o plan estatal ÚNICO resultou “totalmente ineficaz” nesta zona da comarca do Deza. Segundo denuncian os deputados, a falta de infraestruturas estables lastra a calidade de vida dos veciños e prexudica directamente o desenvolvemento socioeconómico local, freando a implantación de empresas nun territorio onde o sector primario é clave.

Os datos oficiais reflicten o atraso dixital que sofren ambos os dous concellos, xa que en Rodeiro a cobertura de fibra apenas acada o 48,45% das vivenda, mentres que en Agolada, a fibra óptica só chega actualmente ao 39,97% dos fogares.

A iniciativa parlamentaria do PP esixe que o Goberno central responda por escrito sen ten  pensado actuar e que actuacións concretas vai realizar en Agolada e Rodeiro e se teñen previsto a implantación dun plan extraordinario para mellorar a cobertura móbil e de internet en ambos os dous termos municipais.

Os deputados por Pontevedra cualifican de “inadmisible” que o Ministerio, como administración competente en telecomunicacións, manteña a estes veciños nunha situación de clara desvantaxe respecto a outros territorios do país, polo que reclaman unha actuación institucional inmediata.

Comparte este artigo